compostela.gif - 5.83 Kb

Moción plans convivencia cidadá

 

No escaso tempo de goberno local o PP mostrou claramente a súa faciana demagóxica, e a participación cidadá redúcese á mínima expresión.

 

No tocante a convivencia na cidade, un dos temas recorrentes do PP local é o botellón, aplicando unicamente solucións punitivas ou recorrendo ó circo mediático, hai que recordar como o ex-alcalde Conde Roa foi “dialogar” polo noite cos mozos e mozas que realizaban esta actividade, por suposto o debate é necesario, pero nos lugares e horas adecuados.

 

Mais non só o PP recorre á demagoxia e populismo para “facer política” cos problemas de convivencia que poida haber na cidade, cómpre salientar como recentemente o PSdeG se acordou das persoas sen fogar, indixentes segundo as palabras do representante do PSdeG, que segundo manifestan enturbian o benestar da cidade con liortas, queimas de sacos de durmir, suciedade e outras cuestións. Desde EU Compostela queremos lembrar que o debate non é se as persoas sen fogar “molestan”, senón que debe facer o Concello para axudar a estas persoas.

 

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentara o pasado mes de febreiro unha moción esixindo a Democracia Participativa, necesaria para articular a través, por exemplo, das asembleas de barrios o debate entre os veciños e veciñas para acadar solucións os problemas existentes na cidade.

 

A Democracia Participativa é o mellor camiño para tratar os problemas que poidan existir en materia de convivencia cidadá en Compostela. A ese respecto, a veciñanza compostelá debe poder intervir, participar, debatir e aprobar plans de prevención, cun protocolo de actuación onde se establezan medidas preventivas.

 

Propoñendo a execución de plans e actuacións de prevención para a convivencia cidadá que establezan medidas para atallar comportamentos verdadeiramente incívicos e irresponsables, e que a súa vez, tralo debate veciñal, se regulen actividades non incívicas creando programas que contribúan a mellorar a calidade da convivencia, sendo o modelo punitivo o último recurso ó que asirse para velar pola necesaria convivencia entre veciños e veciñas.

 

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

 

ACORDOS

 

Primeiro. Elaboración de Diagnósticos Sociais por Barrios. Os organismos pertinentes da Democracia Participativa analizarán as principais cuestións que se plantexarán en materia de convivencia e civismo, así como propostas de acción para a mellora da convivencia na cidade.

 

Segundo.- O Concello habilitará un protocolo que permita realizar un seguimento da aplicación das normas de convivencia, creándose un observatorio permanente para a convivencia, que dará conta a través dos mecanismos de participación cidadá.

 

Terceiro.- Deseñar un plan de mellora e ampliación dos espazos públicos da cidade porque moitos conflitos se orixinan pola escaseza de espazos, como polo deseño dos mesmos, permitindo a convivencia e a armonía de distintas actividades que non son incívicas.

 

Cuarto.- A elaboración dun mapa de puntos negros da cidade para coñecer  aquelas zonas que necesitan unha maior atención en canto ó seu mantemento, iluminación, limpeza e outros aspectos, para evitar a súa degradación e o malestar veciñal.

 

Quinto.- O Concello aprobará e dotará economicamente a execución dun plan de choque de limpeza para dar resposta ás necesidades que no quedan bastante cubertas, especialmente dirixido ós barrios.

 

Sexto– O Concello, no tocante á convivencia nos espazos públicos, realizará un plan de inclusión social que prevea o progresivo despregue dun conxunto de políticas sociais para dar resposta ás necesidades dos colectivos desfavorecidos, separando os problemas orixinados polos comportamentos incívicos do que é unha expresión no espazo público de situacións de exclusión social.

 

Séptimo– A execución dunha campaña de sensibilización en relación a todas as situacións descritas e de divulgación permanente das normas de convivencia, para o cal sería necesario solicitar a colaboración de entidades e asociacións relacionadas coa materia regulada.

Relacionados