Moción popular sobre touradas

Esquerda Unida considera inaudito que en época de axustes presupostarios o goberno municipal siga a promover touradas con fondos públicos. Porque subsidiar e apoiar as touradas mentres familias e cidadáns sofren os recortes nos Servizos básicos, son expulsados dos seus fogares ou teñen que sobrevivir con axudas de emerxencia social son cuestións contrapostas e excluíntes.

A maioría social coruñesa rexeita as touradas, segundo enquisas independentes máis do 73% das coruñesas e coruñeses manifestan a súa opinión contraria ás achegas económicas e en forma de instalacións de titularidade pública a esta aberración cos animais. con todo o PP obvia esta opinión maioritaria a prol da abolición de calquera subsidio e implicación do Concello da Coruña aos espectáculos taurinos. Datos do propio Ministerio de Cultura reflicten que no período 2010-2011 o 99,2% do pobo galego non asistiu a festexo taurino algún. Proba evidente do nulo interese e da oposición social.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes rexistra unha moción para debater no vindeiro pleno na demanda da fin dos subsidios e da participación do concello da Coruña nos festexos taurinos, así como que non ceda baixo ningún concepto medios ou instalacións de titularidade municipal para tales fins. Non hai que esquecer que xa a construción da primeira praza de touros da nosa cidade, promovida polo entón alcalde Juan Flórez, xa contou con investimento municipal. Tampouco podemos deixar de ter presente que A Coruña posúe un Monumento Patrimonio da Humanidade, a Torre de Hércules, practicamente a mesma figura de protección que pretende impulsar o PP coa tauromaquia, un evento de tortura, sangue e morte, a equiparación da arte e a cultura coa matanza de animais para divertimento.

César Santiso, indicou que “rexistramos esta moción por respecto aos máis de 22.000 cidadáns que avalaron a moción popular que presentou Galicia Mellor Sen Touradas e que obviou o goberno local”.

Pola súa banda, Rubén Pérez subliñou que “a participación cidadá é un dereito civil e político inalienable do pobo, que forma parte intrínseca de calquera sistema democrático e así aparece recollido en diferentes instrumentos internacionais, por iso, os principios da democracia participativa terían que impregnar todos os estamentos municipais e todos os espazos de toma de decisións de aspectos que afecten á cidadanía.

 

Relacionados