O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción a prol dos afectados polas preferentes e subordinadas para rexeitar as quitas consensuada cos propios aforradores estafados, e esixe a devolución total dos aforros das persoas estafadas polas entidades bancarias. Asemade solicita que se incremente o ritmo das arbitraxes até asegurar polo menos unha media de 300 afectados ao día.
Por outra banda insta a que o Parlamento de Galicia cree unha comisión de seguimento dos procesos de arbitraxe, formada por un representante do Instituto de Consumo Galego (ICG), un representante por parte das plataformas de afectados e un representante de cada grupo parlamentario para asegurar a pluralidade que os afectados e afectadas polas preferentes se merecen. A comisión de seguimento terá a obriga de redactar un informe mensual que terá carácter público.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a Xunta debe habilitar os mecanismos necesarios para asegurar a neutralidade da auditora e o ICG debe definir con claridade os criterios a cumprir polos afectados para poder acollerse ao procedemento arbitral e así evitar as arbitrariedades”. Ademais o Instituto de Consumo Galego debe definir os criterios a cumprir polos afectados para poder acollerse ao procedemento arbitral e posteriormente que edite unha guía de actuación.
Esquerda Unida insta ao alcalde a que o concello retire as honras ao exdirector de Caixa Galicia, José Luís Méndez por ser o máximo responsable da entidade financeira durante a emisión destes produtos tóxicos que supuxeron unha estafa a miles de galegos e galegas, así como por ser un dos máximos responsables da destrución do sistema financeiro da nosa terra.