Para Esquerda Unida o goberno municipal ten a obriga moral de preguntar á cidadanía diante do rexeitamento masivo ás touradas. A continua participación do Concello da Coruña na organización e realización da feira taurina está a xerar unha ampla e cada vez maior oposición social. Máis do 88% da mocidade rexeita que o consistorio colabore cos empresarios taurinos e facilite a realización desta cruenta actividade a través da cesión de espazos de titularidade municipal e a súa adaptación para convertelos en praza de touros. A postura dos mozos e mozas coruñesas demostra que as touradas forman parte do pasado, e no pasado deben quedar.
A recente divulgación dos datos de asistencia as touradas do pasado mes de agosto, con tan so 4.674 abonos e entradas vendidas nos tres días de feira taurina, demostra como os espectáculos de violencia e martirio dos animais non xeran o máis mínimo interese entre os coruñeses e as coruñesas, e como é o apoio municipal o que está a soster esta aberración, que achega máis convites que entradas vendidas de xeito efectivo.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción en colaboración coa plataforma Galicia, Mellor sen Touradas para instar ao concello a desenvolver un referendo vinculante sobre as touradas que permita determinar a postura cidadá sobre a participación do concello da Coruña na organización e celebración de calquera tipo de festexo taurino. Porque non debemos esquecer que as touradas na Coruña teñen un percorrido baseado no subsidio e o agasallo de invitación. Este ano o concello subsidiou encubertamente cuns 90.000 € este acto cruel cos animais coa cesión e adaptación do Coliseum, cesión de despachos de billetes e outros agasallos.
EU considera que a sanguinolenta morte dun animal, ensartado en diferentes elementos da máis vil tortura resulta unha pésima imaxe para unha cidade como A Coruña, onde coas alternativas actuais poderíamos promover contidos moito máis edificantes no eido cultural e social, demostrando un interese máis pola solidariedade e a integración, pola verdadeira creación artística que pola tortura animal.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o PP demostraría unha vez máis que goberna de costas aos coruñeses e coruñesas se non atende esta moción que fai eco a unha ampla demanda social”, xa que logo demanda un debate serio, algo que non puido facerse nesta lexislatura polo veto do PP.