Moción retirada contrarreforma laboral

 

 

Neste contexto se teñen producido nos últimos meses unha avalancha de medidas adoptadas polo Goberno central de ataque sen concesións ás conquistas históricas da clase traballadora e dos sectores populares como o paquete de medidas de axuste por importe de 15.000 millóns de euros, que terá continuación no vindeiro orzamento, e a contrarreforma laboral.

 

A devandita contrarreforma laboral non vai servir nin para crear emprego nin para reducir a escandalosa  precariedade que padecen as traballadoras e traballadores galegos e do conxunto do Estado. Está deseñada para facilitar e abaratar os despedimentos, e vai supoñer un reforzo para o poder empresarial á hora de modificar as condicións de traballo en todo o que atinxe a horarios, mobilidade xeográfica e funcional, etc. Xunto con iso, debilita a tutela xudicial efectiva como garantía para a clase traballadora e a negociación colectiva, así como privatiza a xestión do desemprego coa aceptación da intermediación laboral privada.

 

Unha cuestión fundamental é o ataque que supón esta contrarreforma en canto debilita a negociación colectiva, que constitúe un ferramenta fundamental na defensa dos intereses da clase traballadora, ao facilitar ás empresas a adopción de medidas de descolgue. Incluso privatiza a xestión do desemprego, e amplía o campo de actuación das ETT,s aos sectores de risco e mailo emprego público.

 

As medidas son inxustas e erradas, porque o mercado de traballo adoece dunha excesiva e negativa flexibilidade externa como amosan as taxas de temporalidade e as facilidades para despedir. As medidas a adoptar son outras moi distintas tanto no eido estrutural – para sentar as bases dun modelo produtivo e social sustentable – canto na conxuntura, no que atinxe a recuperar o creto para a economía produtiva, e impedir que o axuste fiscal programado polo Goberno deprima aínda máis a economía, prexudique a creación de emprego e alimente como resultante o déficit público.

 

Mais a espiral antisocial dun goberno obsecuente coas recomendacións do FMI, Banco Mundial e Comisión Europea, anuncia que se vai a atacar o sistema público de pensións para alongar a idade de xubilación, que no noso país está por riba da media da UE e para mudar as bases de cálculo da vida laboral coa intención de reducir o monto final da pensión a percibir polo traballador. Doutra banda, o Consello Comarcal de EU rexeita a falsa política da austeridade fiscal, que supón que teñamos unha das tributacións máis reducida e cunha menor progresividade

 

En resumo, son moitos os ataques que están a sufrir  as clases traballadoras, autónomos e pequeno empresariado para que o Goberno do Estado satisfaga as esixencias do gran capital. Son este conxunto de ataques aos nosos dereitos como traballadores e traballadoras os que levan ás  centrais sindicais de clase CC.OO.  e U.X.T.  a convocar  para o día 29 de setembro unha xornada de folga xeral para enfrontar as medidas aprobadas polo Goberno central que recortan ou suprimen dereitos das traballadoras e traballadores.

 

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida propón ao Pleno do concello de Santiago de Compostela a seguinte proposta de

 

ACORDOS:

 

Primeiro.- O Pleno do concello de Santiago acorda demandar do Goberno central a retirada  íntegra da contrarreforma laboral tramitada no Congreso dos Deputados como Lei de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo e insta a este a retomar o diálogo social a partir das preocupacións e demandas das centrais sindicais de clase.

 

Segundo.-  O Pleno acorda instar ao Goberno central a que non  aprobe  ningunha reforma no eido das pensións que supoña unha redución respecto dos dereitos recoñecidos ás traballadoras e traballadores, en particular o que fai o alongamento da idade de retiro ou á ampliación da base de cálculo da vida laboral.

 

Terceiro.- O Pleno acorda dar traslado destes acordos ao Goberno do Estado e á Comisión Executiva da Confederación  Sindical de CC.OO. e á Comisión Executiva Confederal da UXT.

Relacionados