Dende o ano 2008, é obrigatorio presentar na Declaración da Renda as pensións percibidas dende países dende fora de España.
Actualmente, os pensionistas con pensións procedentes do estranxeiro están recibindo notificacións da Axencia Tributaria nas que se lles fai saber que se revisarán as súas declaracións de renda dende o ano 2008, o que supón o pago do correspondente nestes anos incluíndo intereses de demora e sancións de ata 20.000 euros.
Estamos, así, outra vez ante outra mostra máis de que o goberno do PP aposta por saír da crise a través do espolio a clase traballadora mentres se concede a amnistía fiscal aos grandes defraudadores.
Nun estado no que o presidente do senado ignora o que ten que tributar e o que non; nun estado no que o fraude fiscal rouba non menos de 70.000 millóns de euros anuais; nun estado no que a infanta atópase por riba da Lei, canda os seus negocios e os dos seu marido; nun estado destas noxentas características, a facenda pública asáñase con persoas que cobran pequenas pensións e que na meirande parte dos casos descoñecían a obriga tributaria.
É por isto que Esquerda Unida de Ponteareas rexistrou no Concello unha moción solicitando ao Pleno que acorde instar ao Goberno Municipal a realizar unha campaña informativa e a ofrecer asesoría xurídica aos pensionistas con pensións estranxeiras e ao Goberno Autonómico a levar a cabo as xestións necesarias ante o Goberno do Estado para conseguir que as sancións aos pensionistas emigrantes queden sen efecto.