Unha das zonas que padecen un atraso certo na dotación de equipamentos básicos é a de San Xoán. Esquerda Unida xa defendeu en diferentes ocasións na Comisión informativa correspondente a necesidade de completar a remodelación da rúa Basanta sen conseguir persuadir ao Goberno Municipal da devandita necesidade. Trátase de facer deste vial unha vía de dous carrís dotada entre outros servizos esenciais de beirarrúas de dous metros e dunha zona de aparcamentos en liña tamén de dous metros. Xunto a isto se contemplará o reforzo do pavimento, a construción de bordillos de formigón e a recollida de pluviais, o pintado da calzada e a disposición dun paso de cebra previo á intersección da rúa co camiño do Espiño. Un proxecto que xa vén de atrás e que cómpre facer realidade para colmar unha eiva que non semella deste tempo.
En efecto, a nosa organización considera que vai tempo dabondo de inacción e desinterese do Goberno neste caso como para demandar no Pleno do concello un pronunciamento nidio e tallante da representación política no senso de garantir que se faga realidade o proxecto de obras para as rúas Basanta e tamén do Espiño. A dotación das beirarrúas semella algo indispensable para garantir a seguridade vial da veciñanza e non deixa de chamar a atención que aínda non se dispoña delas a esta altura do século. Os viais aos que se refire esta moción son dos máis perigosos da cidade dado o elevado volume de tráfico que soportan da veciñanza da Gándara, Solaina, das Casas da Mariña, de Santa Icía, etc. O ano pasado houbo nove atropelos e no que vai deste xa se rexistraron outros 3. Atropelos e accidentes que se producen nunha zona pola que transitan numerosos menores, en idade escolar, o que aumenta o risco e supón unha meirande esixencia para que dende o concello se acometa esta obra coa máxima urxencia e se garanta deste xeito a seguridade vial.
Queremos lembrar o importante papel que xoga a rúa Basanta no sistema viario da cidade, ao ser a vía fundamental de saída da autoestrada en dirección á zona de San Xoán e a Santa Icía, discorrendo en paralelo coa AP-9. En resumo, as razóns para mellorar a seguridade vial e a importancia como nudo viario abondan para que de maneira urxente se proceda a facer realidade a urbanización destas rúas.
Xa que logo o Grupo Municipal de Esquerda Unida presenta para a súa toma en consideración polo Pleno do concello de Ferrol a seguinte proposta de acordos:
1º.- O Pleno do concello acorda a realización da urbanización das rúas Basanta e Espiño coa conseguinte reserva orzamentaria no vindeiro orzamento municipal de 2011.






