Mocións touradas

 

As touradas están cada vez máis cuestionadas polo seu sadismo incluso nos lugares nos que son habituais e teñen arraigo entre unha gran parte da poboación. A proba está na entrada a debate dunha Iniciativa Lexislativa Popular en Cataluña pola abolición das touradas e nos 75 concellos do conxunto do Estado que se declararon contrarios a estas prácticas.

 

Os que defenden a práctica de facer unha festa do maltrato dun animal, escúdanse en que é unha tradición e polo tanto debe ser respetada. Este é un débil argumento, tendo en conta que por pura lóxica nunca pode prevalecer a tradición sobre a ética. Aínda máis, o que poido ser aceptado pola sociedade noutros tempos non ten por que selo agora (como non o é o machismo, por exemplo), polo que este argumento da tradición non ten validez en ningún caso e menos aínda en Galicia, xa que a mal chamada “Fiesta Nacional”, non ten practicamente arraigo entre a poboación galega.

 

O único fin deste tipo de prácticas é o beneficio económico dalgúns e o goce co sometemento, humillación e sufrimento dun animal doutros. Gusto este, dito sexa de paso, digno dun estudo psiquiátrico.

 

Ante esta situación a Secretaría Nacional de Medio Ambiente en colaboración coa ONG Liberia está a coordinar, cos distintos grupos municipais e consellos locais de Esquerda Unida, unha campaña encamiñada a erradicar as touradas a través da presentación de mocións nos distintos concellos galegos, que sirva tamén como ferramenta de concienciación para a cidadanía galega.

 

Esquerda Unida fai unha chamada aos galegos e galegas a que mostren a súa repulsa á celebración de touradas e de todo tipo de festa ou espectáculo onde se maltrate aos animais, sexan domésticos ou salvaxes. Canto antes desaparezan este tipo de “tradicións”, mellor, e quedarán por fin no seu lugar xunto co Circo Romano e os Autos de Fe da Inquisición.

Relacionados