Modificación trazado Oleiros-Sada

Santiago de Compostela, 19 xuño de 2013.- O deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Antón Sánchez, defenderá mañá en comisión parlamentaria a proposición non de lei do seu grupo na que se esixe a supresión do trazado viario Oleiros-Sada no tramo de acceso ao porto de Sada e incluír un viario de circunvalación, externo ao núcleo urbano de Sada, interconectado a rede viaria actualmente existente.

AGE presentou una Proposición non de lei no Parlamento de Galicia no que se insta á CMATI-Axencia Galega de Infraestruturas a modificar o proxecto do trazado do viario Oleiros-Sada no tramo de acceso ao porto de Sada-Fontán substituíndoo por unha vía de circunvalación, externo ao núcleo urbano de Sada, que conecte a rede viaria actualmente existente.

A principios de maio publicouse a resolución do 23 de abril da Axencia Galega de Infraestruturas pola que se somete á información pública o estudio informativo e o estudo de impacto ambiental desta obra. O plan sectorial da rede viaria da Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada e Bergondo aprobouse o 9 de setembro de 2004 no que ao suprimirse a vía 12 , o planeamento urbanístico de Sada debería contemplar unha conexión directa desde o núcleo de Sada coa vía 19 norte-sur en Oleiros-Sada tal e como aparecía no documento. No PXOM de Sada cuxo prazo de exposición rematou o 22 de abril deste ano, unicamente se recolle un trazado indicativo sen delimitación de reserva viaria. O feito de que aprobación provisional do estudo informativo e do impacto ambiental do viario fose acordado xusto o día seguinte do remate do prazo de exposición ao público do PXOM de Sada supón para Alternativa Galega de Esquerda a proba evidente de que a Xunta e o goberno municipal, en clara convivencia, trataron de ocultar o terrible impacto dun trazado que no PXOM só figuraba como indicativo.

“Tanto a Xunta como a equipa redactora do PXOM coñecía perfectamente o documento do trazado que foi redactado en xuño de 2012 pero non o incluíron para evitar que a cidadanía sadense coñecese o trazado, características e grave impacto de afeccións do viario, especialmente na zona de Fontán” denunciou o deputado Antón Sánchez.

Un trazado que supón unha aberración e un disparate tanto desde o punto de vista da afección medio ambiental, paisaxística e patrimonial, como económico xa que carece da máis mínima xustificación. A Xunta busca xustificar a construción dun “falso túnel” nun tramo de 200 metros cun desmonte de ata 29 metros de altura e un terraplenado de ata 18 metros é unha aberración descomunal e máis na zona de Fontán-praia de Morazón- castelo de Fontán que merece a máxima protección.  Esta obra afectará a un total de seis edificacións e obrigaría á desmontaxe e tralado temporal do castelo de Fontán.

A xustificación do tráfico portuario que da a Xunta é outro disparate xa que a escasa actividade comercial portuaria non precisa de ningún novo viario e máis cando supón destragar e fracturar o entorno de Fontán, tanto no seu núcleo como na zona da praia de Morazón. A isto súmase o feito de que só dará acceso a zona portuaria, non será ningún viario de circunvalación, polo que suporá unha sobrecarga de tráfico rodado agravando as deficiencias de mobilidade xa existentes a día de hoxe.

 

Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda defenderá mañá en comisión parlamentaria a necesidade de modificar este proxecto co que a Xunta de Galicia pretende destruír o barrio de Fontán en Sada.

Relacionados