Non cabe dúbida que as ditas actuacións reducirán os problemas de mobilidade a curto prazo, mais Esquerda Unida considera que a creación de novas infraestruturas, como a ampliación de Alfonso Molina o a terceira rolda non arranxarán por si soas os problemas de mobilidade, senón que é necesario promover a redución de vehículos privados a motor mediante a promoción de medios de transporte alternativos a curto e medio prazo e, a longo prazo, a través da concienciación cidadá e a promoción doutros hábitos de vida ligados a mobilidade. Pois a realidade demostra que a ampliación das infraestructuras trae consigo o inmediato incremento de vehículos en circulación, como sucede nas grandes urbes americanas. Así, a teimuda realidade demostra que o incremento de infraestruturas sen o desenvolvemento dun Plan Integral de Mobilidade Universal e Sostíbel que permita reducir a utilización de vehículos a través dun transporte público amplo, eficaz e económico, non so non resolve os problemas de tráfico senón que incrementa os problemas medio ambientais, de saúde, ou de ruído, asemade de converter a cidade nunha urbe aínda máis dependente do petróleo, precisamente agora que sabemos da certeza do cénit do petróleo e a consecuente crise enerxética en cernes como demostra o constante incremento do prezo dos carburantes.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes insta ao Goberno municipal a crear aparcadoiros disuasorios conectados con buses lanzadeiras para reducir drasticamente a entrada de vehículos na cidade. Os ditos aparcadoiros, de carácter gratuíto, situaríanse nas principais vías de entrada á cidade e construiríanse progresivamente segundo prioridades comezando por Avda. de Alfonso Molina, Avda. do Pasaxe, Terceira rolda a altura dos depósitos de Penamoa e finalizando na Avda. de Arteixo á saída da autoestrada de Carballo. Ao tempo poderíase acadar convenios de colaboración coas entidades que dispoñen de aparcadoiros nas entradas da cidade como Alcampo, Carrefour ou Marineda City incorporando buses lanzadeiras cara eses aparcadoiros privados.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “coa demanda de novas infraestruturas a outras administracións o Goberno local pretende a disimular a súa errática política en materia de mobilidade, como demostra o feito de que esté a desenvolver actuacións que están a empeorar a mobilidade da nosa cidade como a eliminación do carril bus, sen desenvolver previamente un plan de mobilidade que permita un deseño conxunto das actuacións para que así, sexan verdadeiramente eficaces e o seu investimento rendíbel.
César Santiso indicou que en lugar de malgastar 14 millóns de euros no soterramento do tráfico, que lonxe de resolver problemas agáchaos baixo terra, propoñemos a construción dos principais aparcadoiros disuasorios. Asemade apostamos por atopar fondos europeos, estatais e autonómicos para mellorar a mobilidade e así rematar a rede de aparcadoiros disuasorios.