Monopolio de Audasa

O pleno aproba por unanimidade dous puntos da proposta: reducir as tarifas nos tramos cun prezo superior ao medio, e facer o mesmo para usuarios que, por razóns de traballo, utilizan con maior frecuencia a autoestrada na Barcala e Rande.

O PP négase a cortar a inxección de cartos á concesionaria.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2013.- A columna vertebral das estradas de Galicia, a AP-9, está privatizada. E só en 2011, cando a maioría social dos galegos xa levaba anos sufrir gravísimos problemas económicos, a empresa concesionaria, Audase, embolsou 75 millóns de euros. “Estes beneficios prodúcense malia a caída de usuarios”, denuncia a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, na proposición non de lei presentada esta mañá no Parlamento. A empresa, pertencente ao grupo Citi, consegue esa plusvalía a forza de incrementar os prezos. Ao longo de 2012, estes medraron un 18%. “Un atraco”, explica Díaz, “porque o exercicio pechará cun IPC na contorna do 3%. O prezo das peaxes multiplicará por seis veces o da inflación”.

Para Alternativa, esta situación débese ao monopolio que Audasa exerce. “O lobby das concesionarias, a estreita relación entre o poder económico e político e a porta xiratoria pola que transitan directivos de administración e empresas”, argumentou a súa viceportavoz, “contribúen a explicar a falta dunha vía rápida alternativa a unha AP-9 de cobro”. Na proposta que AGE levou ao pleno parlamentario, tamén figura a esixencia de que a Xunta elimine as achegas económicas á empresa concesionaria para a gratuidade das peaxes en Rande e na Barcala. “En realidade é un redondo para Audasa”, expón, “que con estes cartos que achega a Administración paga o 80% do custe de todo o persoal da empresa, incluído o consello de adminsitración”.

O pleno aprobou por unanimidade, finalmente, dous dos catro puntos formulados na proposición non de lei de AGE. Foron os referidos á redución, de forma preferente, das tarifas para as persoas que por razóns de traballo utilizan a autoestrada en Rande e na Barcala con maior frecuencia e o mesmo nos tramos que teñen un prezo por kilómetro superior á media da autoestrada, en especial o que vai de Pontevedra a Vigo. Na proposición de AGE tamén figuraba a supresión dos 4,5 millóns de euros anuais que a Xunta inxecta a Audasa para que non cobre nas peaxes na Barcala e en Rande e a modificación da norma legal que regula o incremento automático dos prezos das autoestradas ás variacións do IPC.

Relacionados