Esquerda unida denuncia que o concello incumpre os prazos de pagamento de facturas aos que obriga a lei de morosidade. Ademais a redución do prazo a 45 días no 2012 e a 30 días no 2013, suporía que o actual atraso do 50% converteríase nun 156% no 2013 si non se toman as medidas correctoras oportunas.
Aínda que entendemos que isto é consecuencia dunha mala xestión do bipartito, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe ao actual Goberno municipal que tome medidas urxentes para non seguir prexudicando ao tecido produtivo local.
César Santiso indicou que “Crear un rexistro centralizado de facturas é un brindes ao sol senón vai acompañado dunha racionalización dos procesos de tramitación nas unidades xestoras, da súa fiscalización e contabilización”.
En vista da pouca profundidade con que o Goberno do PP está a afrontar este tema vital para a reactivación económica da cidade, Esquerda Unida desenvolverá unha rolda de contactos coas principais asociacións de afectados para consensuar as medidas que tería que adoptar o Goberno local na procura da solución deste grave problema.
Esquerda Unida fará o meirande esforzo posíbel para acadar a solución dun problema que permitiría aumentar a liquidez das PEME da comarca e, xa que logo, incrementar a súa actividade e capacidade de xeración de emprego.