Na defensa do naval

 

O coordenador local de EU, Rubén Pérez, manifestou hoxe o apoio de ESQUERDA UNIDA á mobilización en defensa do naval que mañá xoves convocou a CIG pero lembra que CCOO e UXT plantexaran fai uns días publicamente a necesidade de mobilizarse e debería terse contado con estas forzas sindicais para levar a cabo a mobilización. O futuro do naval tamén está na capacidade de acadar a unidade sindical plena e evitar “cálculos electoralistas coa vista posta nas eleccións sindicais futuras”.

 

ESQUERDA UNIDA considera que algo estaremos a facer mal os traballadores e traballadoras dos sectores industriais cando non somos quen de mobilizar á cidade na defensa dun sector que en tempos non moi afastados, mobilizaba á totalidade da cidadanía na súa defensa.

 

EU espera que a participación sexa alta, chama á súa militancia e simpatizantes a defender calquera mobilización que parta da clase obreira e que defenda os intereses colectivos de clase pero subliña que ten que defenderse a unidade sindical no concreto evitando que a mobilización de mañá sexa unha excusa para lanzar acusacións contra outras forzas sindicais.

 

EU considera que Vigo ten que volcarse co sector, que os tempos son matizables ou as estratexias sindicais son modificables, pero as decisións teñen que ser unitarias e de clase.

Relacionados