Na defensa do traballo en ALCOA

No pasado ano 2011 vén de cumprir 50 anos de actividade na nosa cidade, adicándose á produción de aluminio por electrólise e á fundición de produtos de aluminio primario para a industria transformadora do aluminio.

Na historia da factoría coruñesa, pasou por varias mans, ate chegar a ser de titularidade estatal durante bastantes anos para finalmente en 1998 seren vendidas todalas empresas do grupo INESPAL á multinacional ALCOA, incluída a fábrica coruñesa. Actualmente a plantilla da empresa está composta por 420 traballadores de ALCOA e máis de 100 empresas auxiliares.

Xa no ano 2009 unha parte importante da produción foi deslocalizada, e parou definitivamente unha liña de produción de 20.000 Tn anuais de alambrón. Toda a fabricación de alambrón na planta coruñesa foi desviada a Islandia, coa excusa de custes enerxéticos máis competitivos e instalacións tecnolóxicamente máis avanzadas que darían unha maior calidade ó producto final. E traspasouse a produción mailo mercado, e consecuentemente a carteira de clientes, aínda que algún deles manifestaran preferir o alambrón de A Coruña.

A primeiros deste ano 2012, ALCOA anuncia ó mundo que vai reducir a súa capacidade de produción mundial en 531.000 Tn para o primeiro semestre de 2012, das cales 291.000 Tn supoñen o peche das dúas fábricas americanas e as 240.000 Tn restantes afectarán ás fábricas sitas no sur de Europa. Destas, 150.000 Tn corresponden á fábrica italiana de Portovesme, sita na Cerdeña, que xa está en situación de peche, e as 90.000 Tn restantes repartiranse nas fábricas de A Coruña e Avilés.

Esquerda Unida preseneta unha moción a prol do mantemento da actividade industrial e os postos de traballo ameazados en alcoa inespal s.a. a coruña en apoio dos traballadores de Alcoa.

Ós poucos días do dito anuncio, a direción de ALCOA na Coruña e Avilés anuncia que tén planeado un recorte de produción do 50% para cada unha das fábricas, e que ten pensado presentar un ERE de suspensión temporal, cunha duración de 12 meses, para o 50% da plantilla na Coruña e do 41,6% en Avilés. As razóns que esgrime a compañía son o encarecemento dos custes de produción debidos principalmente ó alto prezo da enerxía eléctrica do noso país, que supón o 40% do custe, o aumento de prezo das materias primas, como o coque, a brea e a alúmina (50% do custe), a caída na cotización do aluminio na Bolsa de Metales de Londres (LME), e que no derradeiro trimestre de 2011 tivo un balance de resultados negativo. Tamén pronostican unhas perdas para a fábrica coruñesa no ano 2012 duns 13 millóns de euros se non cambia a situación.

Dende o Comité de Empresa transmítenos a súa certeza de que a intención de ALCOA era, no pasado mes de decembro, pechar a fábrica da Coruña, e sabendo que no ano 2013 o Consorcio MAADEN-ALCOA ten previsto poñer en funcionamento unha megafactoría en Arabia Saudita, cunha produción prevista de 750.000 Tn anuais, e que consta de mina de bauxita, refinería de alúmina, electrólise de aluminio, fundición e planta de transformación, non podemos deixar de pensar que a auténtica intención de ALCOA é deslocalizar a nosa produción a países con tarifas enerxéticas máis favorables, menores requisitos medioambientais e un mercado laboral desregulado.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes insta ás administracións implicadas a que desestimen a solicitude de ERE que formule Alcoa Inespal S.A. para manter actividade produtiva na factoría da coruña e, xa que logo, os postos de traballo ameazados. Porque dada a actual situación de crise económica que estamos a padecer en todos os sectores productivos do país, a perda de actividade industrial de ALCOA suporía unha catástrofe para a economía da nosa comarca, e que desta actividade dependen directamente máis de 500 familias, e quizáis miles indirectamente, solicitamos.

Asemade os motivos expostos pola empresa para a presentación do ERE non nos convence e estamos totalmente seguros que non vai subsanar os problemas que ten a fabricación de aluminio no noso país. Para empezar, os custes laborais supoñen apenas o 8% do custe total da produción e a previsión de perdas para este ano está baseada principalmente no prezo do aluminio, dado pola cotización do LME no mes de decembro de 2011, que estaba en 1975$/Tn, e actualmente orbita sobre os 2200$/Tn. Só con este dato, e usando o mesmo tipo de cálculo que nos presentaron, xa estaríamos a falar de suculentos beneficios para este ano.

O Voceiro de EU-V, César Santiso, que se solidarizou cos traballadores e traballadoras de Alcoa, indicou que “apoiamos as súas reivindicacións que facemos nosas, como o demostra o feito desta moción que recolle integramente o texto remitido polo comité de empresa”.

 

Relacionados