Logo de promesas incumpridas, contratos escuros e incertos, adiamentos de reunións e unha hemorraxia imparable de postos de traballo, o cadro de persoal de Navantia retoma as mobilizacións sostidas o longo das próximas semanas.
O cinismo do Partido Popular alcanzou o seu teito, ao non dotar partida algunha nos Orzamentos para o dique flotante e segue sen se aclarar o futuro dos contratos con Pemex, nin tan sequera quen son os asinantes do mesmo. Mentres todo isto ocorre os traballadores e traballadoras das empresas auxiliares van engrosando ás listas dos seis millóns de parados, e é máis crecente a ameaza dun ERE sobre o groso do cadro de persoal.
Esquerda Unida no Congreso e no Parlamento da Xunta de Galicia, a través de AGE, presentou propostas na procura de solucións axeitadas para o sector que mantén en vida a comarca, todas elas rexeitadas polo goberno neoliberal do Partido Popular.
Por todas esas razóns, Esquerda Unida de Ferrol, non só apoia as mobilizacións acordadas en asemblea polos traballadores e traballadoras, se non que participará activamente en todas elas, e acordará reunións cos comités de empresa co gallo de canalizar por todas as vías políticas posibles a necesidade dunha solución de emerxencia para os estaleiros públicos, aos que, sen ningunha dúbida, o Partido Popular está deixando morrer, como todo o que ten o cualificativo de público.
Esquerda Unida de Ferrol fai un chamamento a toda a cidadanía para que participe nas diferentes mobilizacións, xa que están en xogo un número importantísimo de postos de traballo, directos e indirectos, o cal leva consigo a supervivencia e o futuro económico e social da nosa comarca. Cómpre que o goberno escoite a voz dunha cidade reclamando carga de traballo, a construción do dique flotante e a aclaración pública e definitiva dos contratos de Pemex, con esixencia de responsabilidades políticas pola falta de veracidade nas datas de inicio e na súa concreción real máis alá de anuncios mediáticos.