Necesidade dun plan de emprego

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2013.- Peores condicións laborais, peores salarios e peores xornadas é o resultado das políticas postas en marcha por parte do goberno galego en materia de emprego co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo e a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, á cabeza o que os converte nos novos “tratantes de escravos do noso país” tal e como asegurou o deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Juan Manuel Fajardo, nunha rolda de prensa na que informou dos datos, reais, do paro en Galicia.

“Feijóo e Mato buscan transformar a clase obreira galega en clase obreira esclava” denunciou Juan Manuel Fajardo quen salientou a similitude existente entre as condicións laborais que pretende instaurar o PP na actualidade e as que se tiñan na época do franquismo “cando os traballadores cobraban o salario en sobres semanais, práctica que semella ser bastante habitual no Partido Popular”.

O balance en termos de emprego é unha absoluta desastre tal e como reflicten os datos da Encuesta de Poboación Activa considerados en todos os países europeos os únicos realmente fiables e que reflicten un continuo incremento do desemprego en Galicia con máis de 1.000 novos parados no último trimestre do ano respecto do anterior. Así, a realidade amosa unha situación totalmente distinta da que o PP quere vender empregando para elo o maquillaxe das cifras do INEM das que se expulsa por exemplo a aquelas persoas que entran nun proceso de selección que non é máis que obter unha cita cun dos funcionarios do INEM para facer un currículum, ou participar nun curso de formación de dubidosa utilidade se temos en conta que o 33 por cento dos realizados orientábanse ao sector da construción.

Núñez Feijóo e Beatriz Mato seguen a demostrar a súa incapacidade para dar solución o gravísimo drama do desemprego no noso país e as poucas medidas que poñen en marcha son erradas empeorando as condicións laborais dos galegos e das galegas que xa se sitúan no podio dos peores pagados de todo o Estado.

Unhas cifras desoladoras que se traducen en milleiros de persoas baixo a suposta protección da Administración pública xa que a penas 76.000 das máis de 280.000 persoas en paro en Galicia perciben unha prestación por desemprego.

Alternativa Galega de Esquerda ante a gravidade da situación que esta a atravesar o noso país en materia laboral esixe ao goberno galego a elaboración urxente dun Plan de emprego que pase por aproveitar as grandes posibilidades que ofrece o mar e o agro en materia de creación de emprego así como a recuperación do 30 por cento do emprego no sector industrial. “No noso país estamos a convivir con auténticos mortos viventes como son os milleiros de espazos industriais abandonados e sen utilidade como pode ser a fábrica de Cuca en Vilaxoán, Alfageme ou T-Solar despois de recibir millóns das arcas públicas galegas” denunciou o deputado Juan Manuel Fajardo no seu encontro cos medios de comunicación no Parlamento de Galicia.

 

“Alberto Núñez Feijóo e Beatriz Mato demostraron ser dous vagonetas que non teñen intención algunha de poñer enriba da mesa un plan de emprego real que saque o noso país da terrible situación na que se atopa. O único no que parece teñen interese é en continuar coa súa estratexia de autobombo con roldas e notas de prensa de accións inútiles na creación de emprego que o único que conseguen é precarizar aínda máis as condicións laborais dos galegos e galegas” concluíu o deputado de AGE.

Relacionados