Necesidade dun plan de emprego

Suso Basterrechea, coordinador local de EU, considera unha falta de respecto aos/ás desempregados/as da nosa cidade que centos de miles de euros das arcas municipais sexan dilapidados en obras puramente ornamentais.

O voceiro Javier Galán afirma que queda demostrado, pola vía dos feitos consumados, que o alcalde,Jose Manuel Rey Varela,abandonou a loita polo emprego en Ferrol, cunha taxa insostible do 32%.

O grupo municipal de EU sentencia tallante: os criterios de gasto público do Concello de Ferrol e  cruel e antipolítica, xa que entendemos a política no sentido clásico, como a tarefa de acadar o ben común. Agora ben, o Partido Popular parece entender a política como un exercicio de tanatoestética, é dicir, a maquillaxe dos mortos. Na regresión histórica que se nos propón como saída económica quizais, para algúns, que xa pensan na volta dos faraóns, embalsamar e momificar serán actividades de futuro.

A cidade esmorece. Os comercios pechan. As gradas de Navantia perduran baleiras. Os servizos sociais esfúmanse cara outra cidade ou  déixanse morrer por asfixia económica. Os salarios baixan, os prezos públicos e privados suben. Os dramas persoais de xente sen recursos galopan sobre as conciencias da caste política. Mentres todo isto é a vida real, o alcalde sorrí nos barrios prometendo captación de comercios, grandes avenidas, prazas magníficas e a grandilocuente humanización da cidade, iso que veñen en chamar Ferrol 2020.

Sr Alcalde: para que  unha cidade se cualifique como  humana o primeiro que debe facer e cargar de dignidade aos seus habitantes. Nunha situación de emerxencia social, económica e política, soterrar os problemas non é propio do mandato ao que o somete a cidadanía, e un incumprimento manifesto do cargo que ostenta e causa obxectiva de dimisión por incapacidade sobrevida.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida esixe un cambio de rumbo e as modificacións orzamentarias suficientes que permitan espertar a cidade non no estético, senón no ético e, en consecuencia, instamos a dotar partidas para:

1.- A creación dun Plan de emprego municipal. Nunha cidade coa taxa de desemprego máis elevada do país non contamos ni tan sequera con orientadores laborais, tendo que acudir os/as ferroláns/ás a cidades veciñas como Narón, para poder recibir ese servizo de atención básico no momento actual.

2.- Un Plan retribuído de formación e outro de reciclaxe laboral para desempregados/as de máis de 50 anos. A renda básica para a cidadanía, máis alá da burocratización dun RISGA imposible, é un dereito a conquistar, unha inversión en dignidade máis rendible en termos sociais que seguir queimando o erario público nunha Praza de España, estandarte da política ornamental inservible para os dereitos básicos: vivenda, sustento, traballo.

3.- Poñer ao servizo da cidadanía a riqueza social da que dispón a cidade: as vivendas de Recimil, rehabilitadas debidamente e con garantías públicas de función social.

4.- Reducir a externalización de servizos, eufemismo que agocha a entrega de servizos que deberían ser públicos a empresas amigas, e activar a Bolsa de emprego do Concello, que xa existe pero se conserva en formol en sotos ocultos, mentres contratas e subcontratas precarizan o emprego derivado dos servizos municipais.

Está moi ben visitar os barrios, previamente hixienizados, como salmóns postos no anzol do mandatario, pero mentres o alcalde sorrí anunciando inversións millonarias nas pedras da cidade, miles de desempregados nas mesmas casas dos barrios que visita, soportan o peso de mundo, e permanecen abandonados a súa sorte pola inacción municipal. Dende EU, pedimos a dimisión por dignidade política do alcalde de Ferrol, as súas políticas quedou demostrado que non serven, que provocan indignación e carraxe, e que debe deixar paso a outras alternativas que gobernen dende o fondo dos problemas da xente e non dende as formas da mercadotecnia.

Relacionados