Parecía que o cinismo do Partido Popular alcanzara o seu teito ao non dotar partida algunha nos orzamentos para o dique flotante ao mesmo tempo que seguía sen se aclarar o futuro dos contratos con Pemex, nin tan sequera quen eran os asinantes do mesmo. Ocorría todo isto mentres os traballadores e traballadoras das empresas auxiliares ían engrosando ás listas dos seis millóns de parados, e é máis crecente a ameaza dun ERE sobre o groso do cadro de persoal. Isto cando se están a tramitar os orzamentos. Como se no pasara o tempo andamos aproximadamente polo mesmo camiño dun “culebrón” de verán agora coa novidade de teren cabeza de turco e liortas internas no Partido Popular. Vergoña teñen pouca.
Xa daquela o Consello Local de Ferrol e o Grupo municipal de Esquerda Unida ante a aprobación definitiva dos orzamentos do Parlamento de Galicia consideraban que estaba demostrado pola vía dos feitos a absoluta falta de compromiso por parte do goberno do PP co futuro da comarca e do sector naval. Estamos a ver que o tempo nos da a razón e, realmente, se o único que sacan en limpo despois das masivas mobilizacións da cidadanía é facer un quebro para disimular a súa impotencia temos tres problemas que eran os que xa tiñamos: o goberno central e a SEPI, o goberno do Sr Feijoo e a estrela rutilante chamada Rey Varela que aspira a representar ao Concello de Ferrol. Hai que recoñecerlles constancia na pretendida habilidade de pasarlle a pelota a outros dos problemas que eles son incapaces de encarar, no xa de resolver. Aprobaron unha partida de cinco millóns no parlamento pasándolle a pelota primeiro ao tellado da SEPI para que argallara unha fórmula para inventar un veto da Unión Europea que impida poñer a súa parte. Foron a máis: agora toca Almunia e a propia UE.
Fronte a tanta mesquindade Esquerda Unida considera absolutamente imprescindible a elaboración dun plan industrial e, inmediatamente, o reforzamento do perfil político das xestións encamiñadas a conquerirmos encargos de traballo reais. Non imos repetir aquí máis o de pasar das palabras aos feitos pero postos a reclamar responsabilidades políticas diante da mentira ben podería o alcalde Rey Varela reclamárllela ao ao seu partido por enteiro incluído o equipo responsable súa campaña electoral, por poñer un exemplo que lle toque de cerca.
Que o alcalde Rey Varela estea conmovido, non nos conmove, e máis cando recentemente rexeitou o seu partido ao pleno unha moción do Grupo Municipal de Esquerda Unida reclamando carga de traballo, a reprobación do Ministro Montoro (o que declarou que en marzo se estarían “cortando chapas” en Navantia) e dos presidentes da Sepi e de Navantia. Polo tanto esa conmoción non serve, e si a de a xente que por moreas está indo ao paro sen un futuro digno para eles, as súas familias e a comarca de Ferrolterra.
A folga do sector naval privado, convocada para o día 20, recibe o respaldo de Esquerda Unida, sendo tan lexítima a súa reivindicación como a vivida en Ferrol o pasado día 12: non máis vetos dende Europa, máis políticas diplomáticas que frenen esas restricións, menos tax lease e máis negociacións con países potencialmente contratantes, como Venezuela, ao que se marxina por ideoloxía (por certo, lexítima e democrática) e que acaba de asegurar, a través de PVSDA a supervivencia dun estaleiro portugués, e que vén de contratar máis de 40 buques nun mercado internacional ao que nós renunciamos nun acto suicida de exaltación neoliberal.