Esquerda Unida considera que os feitos están a poñer en evidencia a nefasta política en mobilidade do goberno municipal. Así en tan so 48 horas e dende fontes distintas as medidas do PP en canto a mobilidade quedan desacreditadas, deixando en evidencia o discurso dun goberno municipal que non dubida en utilizar todo tipo de argumentos e argucias para retorcer a realidade segundo os seus intereses partidistas.
Por unha banda o grupo municipal de Esquerda Unida – Os verdes subliña que o informe da OCU sitúa Á Coruña como unha das cidades máis caras en canto a transporte urbano , mentres o goberno local negase a negociar coa Compañía de Tranvías a rebaixa das tarifas, demanda que levamos defendendo dende que chegamos a María Pita. Así por exemplo cando o bus subiu en seis centimos, pasando de 1,14 a 1,20, esiximos ao Concello que negociase coa Compañía de Tranvías para modificar as condicións do contrato de concesión asinado polo PSOE con cláusulas tan lexivas para os intereses dos coruñeses e coruñesas coma beneficiosas para a empresa concesionaria que no ano anterior obtivo 3,2 millóns de beneficios e recibiu 7,2 millóns de subvencións do Concello. Xa que logo, apostamos pola tarifa única progresiva que consiste no pagamento do billete no traxecto inicial e logo por cada transbordo ao longo do día, facer unha achega de tan so un 10% do pagamento inicial, a gratuidade para os estudantes no seus traxectos cara ao seu centro de ensino, ou a subvención progresiva segundo a capacidade económica da unidade familiar. Máis o PP semella que non quere prexudicar a unha empresa cuxos donos pertencen a casta dos privilexiados poderosos na Coruña, pois négase a abrir esa negociación a pesares de saber que sería moi positiva para a economía da veciñanza.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que ”semella paradigmático que a mesma empresa que o PP contratou para desenvolver o plan estratéxico da Coruña Futura, considere o carril bus como un elemento fundamental de mobilidade e propio de cidades modernas e avanzadas, mentres o goberno municipal non se cansou de repetir unha e mil veces que o carril bus era do século pasado para argumentar a súa caprichosa eliminación”. Eliminación que está a ocasionar graves trastornos aos usuarios debido a que os buses non poden cumprir frecuencias como quedou demostrado no feito da perda de 114.000 usuarios na liña catro que foi a que máis soportou esta desafortunada medida.