Negativa á investigación de Angrois

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2013.- “Vostedes non consideran cidadáns ás vítimas do accidente de Angrois?”, preguntou, retoricamente, Xosé Manuel Beiras ao Partido Popular logo de que este partido volvese negar a constitución dunha comisión de investigación política sobre as causas do accidente no Parlamento de Galicia. O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) remitiuse aos autos do xuíz Alaez para explicar a necesidade de esclarecer responsabilidades políticas na traxedia e topou coas burlas nas bancadas da dereita e negativa final na votación. “O xuíz di que hai responsabilidades políticas, pero que el non as pode investigar”, argumentou Beiras, “e o PP afirma que non se pode facer política no Parlamento. Seguen a ser o mesmo de sempre”.

A dereita do señor Núñez acusou aos grupos da oposición que esixen esta comisión –Alternativa e BNG- de querer “facer política”. Mais o certo é que, como expuxo Beiras, os autos do xuíz Alaez deixan claro que existen responsabilidades políticas. “O aparello de poder executivo do Estado actúa para protexer os imputados políticos no canto de que haxa xustiza”, afirmou. A Avogacía do Estado e máis a fiscalía compostelá pretenden que Alaez retire as imputacións aos directivos de Renfe e Adif. O portavoz de AGE explicou, a maiores, como Núñez enganou á cidadanía ao se referir ao tren como “alta velocidade” cando non o é e como o sistema de freado non era o axeitado.

 

“Os directivos, os responsábeis políticos, deben ser investigados polo poder político”, resumiu, perante a insensibilidade e a negativa final do PP.

Relacionados