O vindeiro sábado, 12 de xaneiro, os traballadores de NovaGalicia Banco manifestaranse en Santiago de Compostela contra o plan de reestruturación programado polo Banco de España que suporá o despedimento de 2.508 empregados e o peche de 327 oficinas das antigas caixas de aforros. Alternativa Galega de Esquerda (AGE) apoia as protestas dos traballadores e, así, sumarase á mobilización que o sábado sairá, ás doce da mañá, da Alameda compostelá. No proxecto do Banco de España consta tamén a quita que sufrirán os aforradores que viron os seus cartos embarcados nas denominadas participacións preferentes, arredor de 43.000 familias. Segundo o manifesto que veñen de subscribir seis sindicatos con presenza en NovaGalicia Banco e que AGE subscribe, o plan do supervisor central inclúe “unha dura e inmoral quita para os aforradores mentres garante o pago aos grandes investidores institucionais posuidores de hipotecas”.
O anunciado plan de reestruturación do Banco de España é o último episodio na historia da expropiación, bancarización e desaparición final do que un día foron as caixas de aforro galegas. No camiño deseñado pola troika europea, transferido ao Estado español polos gobernos de Zapatero e Rajoy e trazado en Galicia pola Xunta de Núñez Feijóo, os aforros de miles de cidadáns pasaron de servir a entidades de dereito público a ser subhastados nos mercados financeiros a prezo de saldo. Xusto ao tempo que os directivos das antigas Caixa Galicia e Caixanova abandonaban o leme dos barcos que levaran á ruína das operacións de capitalismo de casino. Iso si, previas indemnizacións millonarias.