No centenario de C.Emilio Ferreiro

O Grupo Municipal de  Esquerda quere manifestar publicamente a súa satisfacción por conquerir o compromiso do Goberno Municipal para realizar nestes vindeiros meses un programa de actividades encol da figura e obra do escritor celanovés, Celso Emilio Ferreiro, autor do que se cumpre neste ano o centenario do seu nacemento.

Yolanda Díaz defendeu na comisión de cultura de hoxe a proposta do Grupo Municipal para que o concello de Ferrol desenvolva esa programa de actividades culturais que divulgue entre a nosa cidadanía a obra dun autor senlleiro das nosas letras.

Esquerda Unida avogou por unha programación que teña dúas características marcadas: a énfase nun enfoque pedagóxico e a elaboración participada co tecido asociativo cultural da cidade, para prover as claves do éxito, que non será outro que achegar á meirande cidadanía posible unha obra necesaria.

Celso Emilio constitúe sempre, mais aínda nestes tempos de violencia social desencadeada por un goberno refén de banqueiros e defraudadores, un referente dunha obra comprometida cunha lectura crítica dos ananos que buscan pechar a vida e as esperanzas da maioría social deste país.

As palabras do poeta celanovés anudan a nosa cultura cunha cidadanía que se quer libre e crítica, xusto o que se precisa para exercer os nosos dereitos e conquerir desta maneira unha rectificación radical dunha política antidemocrática e contra o conxunto do pobo traballador.

 

 

Relacionados