No “Día mundial da loita contra a SIDA” manifestamos a nosa solidariedade con todas as persoas afectadas polo VIH

Dende Esquerda Unida manifestamos tamén a nosa solidariedade coa complicada situación económica que atravesan os Comités Cidadáns Anti-SIDA de Galicia, provocada pola política de recortes da Xunta de Galicia, os cales sempre afectan máis aos sectores desfavorecidos da sociedade. Colectivos que seguen a marxe desa suposta situación de recuperación económica, que nos quere vender o Goberno de Feijoó pero que, na realidade, non chega á maioría social. Os recortes siguen instaurados como práctica habitual da política social da Xunta, especialmente no ámbito da prevención e da detección precoz.

En Galicia hai máis de 2000 persoas infectadas polo VIH e máis dun 30% descoñecen a súa seropositividade, polo que urxe que a Xunta de Galicia poña os medios necesarios para que as persoas coñezan o seu estado serolóxico e se poñan os medios para evitar novos contaxios.

Un ano máis temos que denunciar que a Xunta de Galicia mantén a redución de máis dun 50% das axudas e subvencións das asociacións, o que pon en perigo a continuidade das accións e programas que levan a cabo dende hai 25 anos. Accións e programas que a Administración, dende sempre, se nega a xestionar directamente. A Xunta delega as súas funcións, competencias e responsabilidades nas ONGs e logo impide que as poidan levar a cabo pola asfixia económica a que as somete, mantendo a reducción de contías e retrasando miserablemente os pagos. Como cada ano, a Xunta de Galicia lles obriga a adiantar o custo da Casa de Acollida ata un ano enteiro e non se recupera case a metade desa financiación sustraída nos últimos anos.

A Xunta de Galicia, un ano máis, renega do lema proposto pola ONU, que este ano é “As comunidades marcan a diferenza”, co que a ONU quere recoñecer e destacar o papel do movemento asociativo; a ONU destaca que o activismo social é imprescindible, pois son quen “batallan incansablemente para conseguir que as persoas estean no centro da toma de decisións e da implementación de programas e contribúen para que ninguén quede atrás”.

Dende Esquerda Unida, concordamos con este lema e queremos destacar, unha vez máis, que só a voluntariedade e alta implicación dos membros dos Comités Anti-SIDA (xunta directiva, persoal contratado, voluntariado, persoas usuarias e residentes) fan posible que estes recursos, pese a esta situación de precariedade imposta polas Administracións responsables, sigan funcionando e que, coa metade da financiación, sigan prestando os mesmos servicios.

Multitude de persoas se atoparán en situación de grave risco de exclusión social se non poden ser atendidas polos Comités Anti-SIDA (actualmente centos de persoas incluso almorzan a diario nas sedes dos Comités debido a carencia de recursos municipais nos que as persoas poidan permanecer algunhas horas durante o día). As Casas de Acollida para persoas afectadas pola SIDA de Ourense e Coruña, dependentes dos Comités Cidadáns Anti-SIDA, que funcionan dende 1994 no caso de Ourense, e nas que residen ducias de persoas, seguen a ter un futuro incerto, tal e como denunciamos dende hai anos. Os recortes son unha cuestión de vontade política e a tan cacareada recuperación económica non chega, por esa mesma falta de vontade política, aos sectores máis desfavorecidos da sociedade.

Por todo isto, Esquerda Unida urxe a tódalas Administracións para que impulsen campañas de prevención, detección precoz e atención, e que asuman as súas responsabilidades e competencias.

Relacionados