Noel Dopazo e Susana López Abella reúnense para avanzar na procura da normalización real da diversidade sexual

O coordinador da area de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), Noel Dopazo, foi invitado pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, co obxecto de ter unha xuntanza co fin de informarlle  das medidas e actuacións que se levarán a cabo no relativo ás asociacións e organizacións  LGTBI dende a Xunta, así como o traballo conxunto que se podía levar a cabo.

Máis concretamente, o obxectivo da xuntanza era escoitar as súas opinións, ideas e plantexamentos para sacar adiante un convenio que recolla todas  aquelas cuestións necesarias para acadar unha mellor calidade de vida, das persoas LGTBI, entre outras cousas.

Neste senso, falouse de traballar para levar a cabo un convenio de colaboración que recolla diversas actividades dirixidas á promoción, aplicación e desenvolvemento de actuacións e medidas destinadas a avanzar no fomento e a promoción da igualdade, da visibilidade e da non discriminación do colectivo LGTBI, un traballo en conxunto que se desenvolverá nos seguintes días.

Ademais, recordouse a entrada en vigor da última lei aprobada polo Parlamento galego, a Lei 2/2014 pola Igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI), unha lei que xa tacharamos de “ambigua na súa redacción e que quedaba baleira de contido”.

Segundo Noel Dopazo Vázquez, “precisamos políticas potentes e claras que busquen unha normalización efectiva da diversidade sexual no conxunto da sociedade, polo que esta lei, así como a campaña que levouse a cabo, co nome de EU Respeito, tal e como dixéramos, é insuficiente, xa que limítase a poñer a bandeira do colectivo LGTBI no cartel sen ningún tipo de pedagoxía ou información sobre o que é a diversidade sexual e tampouco busca explicar por que é algo negativo discriminar a ninguén pola súa orientación sexual”.

Pese estas discrepancias nos puntos de vista, para Dopazo, “a xornada foi positiva e avanzou na folla de ruta dun traballo conxunto para sacar adiante un convenio que esperemos que teña contido de peso, así como a creación dun observatorio LGTBI para avanzar na mellora da calidade de vida de todas”. Neste senso, “esperamos que a aprobación de novas políticas sobre diversidade sexual estea á altura das circunstancias e do que a sociedade demanda, así como que fuxa de estereotipos, camiñando sempre na integración e a loita contra a discriminación LGTBI”, sinala Dopazo.

Relacionados