Non ao peche de TSOLAR

 

A executiva nacional de Esquerda Unida considera que a situación de T-SOLAR é unha práctica máis de destrución de emprego que a Xunta está a permitir. Son máis de 65 millóns de euros invertidos nunha empresa do sector das renovables que ten garantido o seu futuro, mais dende a administración non hai vontade por salvar nin os postos de traballo nin de invertir en enerxías renovables.

Esquerda Unida presentará no parlamento español unha iniciativa pedindo información sobre a orixe e o destino dos cartos invertidos neste proxecto. Así mesmo “Esquerda Unida plantexará a través do grupo parlamentario de AGE a recuperación pública da factoría, xa que o proxecto é viable e o modelo de produción é punteiro dentro do seu sector” afirma o secretario de organización de Esquerda Unida Rubén Pérez.

O Partido Popular que desgoberna e desmantela este país, ten a obriga de resolver o conflicto laboral no que se atopan os traballadores e traballadoras de T-SOLAR, consecuencia da deixadez e beneplácito da institución. Juan Fajardo responsable nacional de emprego de Esquerda Unida e deputado de AGE manifesta que “ante as ofertas de compra rexeitadas, é a Xunta quen debe explicar por que se rexeita a creación de emprego nun momento de emerxencia social, e sobre todo nunha provincia con tan escaso tecido industrial como é a ourensana”.

Por todo isto, Esquerda Unida, ante esta situación de desmantelamento de postos de traballo coma de tecido industrial, considera necesario recuperar o control público sobre a factoría e a súa produción, para elo insta á Xunta de Galicia a que asuma o control de T-SOLAR e empregue a súa tecnoloxía para dotar de paneis solares os edificios da administración pública, ademais de empregar a tecnoloxía da fábrica para dotar o rural galego de alumeado sustentable baseado en tecnoloxía fotovoltaica.

 

Dende Esquerda Unida, manifestamos o noso apoio aos traballadores e traballadoras que co seu peche están dando exemplo de loita e resistencia para mudar unha situación de inxustiza laboral avalada pola Administración Pública.

Relacionados