yolanda2.jpg - 45.66 Kb

Non é país para vellos

 

Botándolles un ollo aos xornais, radios ou teles, non queda dúbida do sentir dos donos das palabras, que causalidades do desenvolvemento social, son tamén os donos do capital. Hai unha coincidencia abafante a prol do recorte –que non reforma– do sistema de pensións. Non será alleo a el o entrecruzamento de intereses económicos e políticos entre os medios. Repítese mil veces a mentira de que o sistema non atura que cheguemos a vellos e deixemos de traballar. Os economistas obedientes, os expertos e toda esa leria –os que producen as mentiras axeitas a soldo das institucións do capitalismo da globalización– constrúen e difunden nos medios de comunicación de masas un escenario de apocalipse.

 

E calan as verdades que o PIB, a riqueza social producida polas traballadoras e traballadores crecerá incluso en maior medida que o gasto; que a produtividade por hora traballada e traballador nunca foi maior; que se pode con outra opción política financiar as pensións como se financia a sanidade ou a educación ou as forzas armadas, isto é, vía impostos; que hai superávit da Seguridade Social aínda nesta crise, e as reservas acumuladas no fondo, que importan preto de 70 mil millóns de euros; calan o interese espúreo do capital financeiro en achar novas oportunidades de negocio mediante a xestión dos plans privados de pensións; calan que temos hoxe un gasto en pensións na cola da Unión Europea, tanto que neste recuncho, en Galicia, as pensións son as máis baixas do Estado, e unha parte notable do 20% de galegas e galegos na pobreza o son malia as súas pensións. Agochan diferentes estudos, entre elas o da Sespas que deixan evidencia científica das diferenzas de clase: no Estado español unha persoa de clase burguesa vive dez anos máis de promedio ca un traballador non cualificado con máis de dous anos en paro. Mentiras e silencios.

 

Con baixas pensións e diferenzas de clase é inxusto aprobar unha idade legal de xubilación aos 67 anos coa esixencia de ter cotizados 38,5 anos para poderse xubilar co 100% da base reguladora. Perdemos dereitos todas e todos os traballadores, contemos como queramos contar. Alongar a idade de xubilación e ampliar o período para ter dereito á pensión até 25 anos supón condear as xeracións futuras, presas dun mercado laboral precarizado e cun desemprego rampante, a non ter dereito á xubilación ou a vela reducida drásticamente. Hai xa varios estudos que sitúan en preto dun 20% a rebaixa da pensión resultante destas dúas regresións (unha rebaixa media entre 9-12% pola ampliación do período de cómputo, e entre un 12-15% polos cambios na idade de xubilación e ampliación de anos cotizados).

 

O certo é que as medidas executivas, concretas, con data de aplicación caen no noso lombo. Os infinitivos sen tempo para conxugárense son para o capital. O reparto habitual nesta postmodernidade onde os gobernos do turno aceptan obsecuentes satisfacer os donos do capital e das palabras.

 

Responsable desta desfeita é o Goberno mais corresponsables, por se pregar aos razoamentos falaces e esixencias interesadas, son as direcións dos sindicatos de clase maioritarios no Estado. Erran ao asinar sen consultar as bases, desmobilizándonos; erran ao non empregar a forza acadada coa folga do 29 de setembro nunha dialéctica que faga da loita social e a mobilización ferramentas principais para unha ulterior negociación; erran ao trasladar o fatalismo de que non hai outra opción, porque haina; erran ao asumir o campo conceptual do adversario (gañar creto diante dos investidores) porque abandonan a lóxica dos intereses do traballo; erran ao pedir ás forzas de esquerda que compartamos este recorte.

 

A esquerda política e social ten que ser quen de dicir a verdade sempre, aínda cando incomode, e sobre todo aos compañeiros e compañeiras que nos sindicatos loitan de cotío por mellorar as condicións de vida e traballo da clase. A esquerda política e social, que ten unha proposta alternativa no económico e social, dende a fraternidade dun horizonte compartido, ten que dicir que erran e que no que dependa de nós derrogaremos este recorte imposto polo Goberno. Nesa acumulación de forzas sei que imos estar xuntos o sindicalismo de clase e a esquerda política e social; desa conxunción depende que sexamos quen de erguer un bloque social alternativo que resista e cree algo novo tinguido de xustiza e igualdade. Sen recortes.

Relacionados