Non é reforma é demolición

Os municipios españois en 1979 foron a expresión máis evidente da chegada da democracia ao noso país: miles de concelleiros e concelleiras, de alcaldesas e alcaldes, elixidos polos seus veciños, accederon ao goberno dos seus Concellos desde a preocupación por satisfacer as demandas máis perentorias da súa contorna, e tamén, ante a falta de definición constitucional das competencias locais, a afrontar aqueles retos e actuacións que fosen impulsadas pola cidadanía.

Desde o principio de administración máis próxima, configuráronse os Concellos como as entidades que visualizaron a democracia no noso país e que representaron a primeira experiencia, até agora irreversible, de descentralización política.

Esquerda Unida considera a reforma da lei de administración local responde a unha lóxica recentralizadora e á repartición dos obxectivos de déficit. O gasto por administracións é do 50,7% do estado central, 35,7% dos gobernos dos CC.AA. e do 13,6% dos entes locais. Con todo a nova lei de estabilidade orzamentaria discrimina ás CC.AA. e concellos e beneficia inxustamente ao goberno central, xa que a repartición dos obxectivos de déficit para o ano 2013 se fixaron nun 3,8% para a administración central (un 84,4% do total de déficit do estado), un 0,7% (un 15,6% do total) para as comunidades autónomas e un 0,0% para as corporacións locais.

A Executiva Nacional de esquerda unida considera que esta reforma afasta á cidadanía da xestión do público, e fortalece a deriva autoritaria, o afastamento da política dunha poboación que esixe máis participación, máis democracia e máis transparencia. A reforma é unha tutela dunha administración sobre outra, ignora as competencias autonómicas sobre réxime local e despreza aos Concellos como parte do Estado en pé de igualdade coas demais administracións. A intervención sobre a obsesión da sustentabilidade financeira percorre todos os aspectos normativos da devandita reforma. Fala de racionalizar a estrutura organizativa cando quere dicir privatizar servizos e entes instrumentais, e recoñece como un dos obxectivos o favorecer a iniciativa económica privada, evitando intervencións administrativas desproporcionadas. Aquí reside a clave de bóveda da reforma: enfraquecemento da democracia local a través da redución das súas competencias, anteposición dos principios financeiros neoliberais sobre calquera outra consideración na xestión municipal, intervención e fortalecemento dunha entidade decimonónica, asociada ao clientelismo e a falta de transparencia e control democrático, como son as Deputacións Provinciais, e privatización dos servizos públicos por esta nos municipios que perdan a titularidade das súas competencias. Chaman profesionalidade e transparencia á eliminación da política no ámbito local.

Yolanda Díaz manifesta que “non é unha reforma é unha demolición”. Esta reforma é unha volta á centralización e ao papel tradicional dos concellos como meros executores das políticas do goberno central. O Consello de Ministros, con esta iniciativa, pretende converter nunha excepcionalidade histórica a experiencia democrática dos Concellos españois iniciada en 1.979.

Esta reforma, non ten en consideración a Carta Europea da Autonomía Local aprobada en 1985 e ratificada polo Estado español o 20 de xaneiro de 1988, excepto o artigo 3.2, publicado no BOE de 24 de febreiro de 1989 que establece os principios de respecto á autonomía local sobre a base dos entes locais como un dos principais fundamentos dun réxime democrático, do principio de subsidiariedade de autonomía organizativa e competencias plenas.

Por todo isto, Esquerda Unida esixe a retirada inmediata do Anteproxecto de Lei para a racionalización e sustentabilidade da administración local así coma o recoñecemento das entidades locais como o primeiro alicerce do desenvolvemento social e económico.

Relacionados