Non haberá dique flotante en Ferrol

O grupo parlamentario esixirá responsabilidades pola colección de embustes da Xunta sobre este asunto.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2013.- Os peores agoiros veñen de se cumprir. Tal e como Alternativa Galega de Esquerda (AGE) leva semanas denunciando, a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) anunciou hoxe que o dique flotante para Ferrol non se construirá. Así llo comunicaron os enviados do organismo aos representantes de traballadores de Navantia nunha xuntanza na mesma cidade de Ferrol. A SEPI escudouse en que pagar esa obra iría contra as normas comunitarias. Para Alternativa, sen embargo, é a confirmación das mentiras e os embustes da Xunta de Alberto Núñez Feijóo.

“Queren acabar coa comarca de Ferrol”, expresou a deputada e viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, “porque non vai haber financiamento para o dique, nin carga de traballo, nin nada; só máis paro e miseria”. O grupo parlamentario lembra que, ao longo de 2012, máis de 2.000 persoas da bisbarra perderon o seu emprego no naval e considera “impresentábel” que o señor Feijóo se presentase ás últimas eleccións autonómicas coa promesa de conseguir os cartos para esa infraestrutura e agora rache pola calada con iso. AGE esixirá as responsabilidades pertinentes por esa falta de respecto á verdade, algo máis que habitual nesta Xunta.

A maiores, Alternativa presentou unha emenda ao proxecto de Orzamentos do Goberno do PP no que se consignan os 21,2 millóns euros precisos que custaría construír unha “dotación imprescindíbel” para que os estaleiros de Ferrolterra teñan traballo todo o ano. Mañá, deputados de AGE estarán cos traballadores de Navantia que se desprazarán a Santiago de Compostela para amosar o seu malestar no Parlamento de Galicia.

Relacionados