#NonÁLeiMordaza: Antidemocrática e franquista

Dende Esquerda Unida esiximos ao Goberno a retirada inmediata da Lei Orgánica 4/2015, de 30 de marzo, de Protección da Seguridade Cidadá, un texto redactado en paralelo á reforma do Código Penal, tamén de marcado carácter restritivo en dereitos, e que converte á maioría das infraccións penais tipificadas como faltas en infraccións administrativas de carácter moi grave, grave ou leve.

Neste senso, Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida, declara que “a nova lei é antidemocrática e represiva, xa que só busca criminalizar a quen se manifesta para defender os dereitos de toda á cidadanía, polo que, por unha banda, vai en contra da propia declaración dos Dereitos Humanos e, doutra, recorda ás leis franquistas”.

A discrecionalidade que outorga á administración á hora de establecer sancións, a elevada contía das mesmas, que no caso das infraccións moi graves poderían chegar aos 600.000 euros e a fixación na regulación de condutas habituais nas protestas cidadás, definen a esta Lei como a Lei do medo ou a Lei Mordaza. “Habilítase, por tanto, un procedemento administrativo que legaliza a criminalización e persecución das mobilizacións e crea un instrumento gubernamental para imposibilitar dereitos democráticos básicos como a liberdade de expresión e de manifestación”, apunta Díaz.

Precisamente porque vai en contra dos dereitos fundamentais á manifestación e reunión, e sanciona, prohibe e criminaliza prácticas tan normalizadas como parar un desafiuzamento ou asistir a unha persoa sen papeis, dende Esquerda Unida recalcamos que esta lei castiga a pobreza, a solidariedade e a protesta. Neste senso,  a Lei Mordaza esperta tamén a preocupación de amplos sectores da sociedade, polo que que organismos nacionais e internacionais como as Nacións Unidas ou o Comisario de Dereitos Humanos do Consello de Europa tamén a criticaron duramente.

Segundo Amnistía internacional, a lei viola o exercicio da liberdade de expresión e reunión pacífica. Mentras, Human Right Watch sostén que o Goberno non expuxo argumentos suficientes que justifiquen a súa necesidade.

Máis de vinte anos despois da aprobación da polémica Lei de Seguridade cidadá 1/92, tamén denominada Lei Corcuera, que tumbou en gran parte do seu articulado o Tribunal Constitucional, o Goberno do PP sanciona, na súa tónica do reformazo regresivo, unha nova Lei, que vén substituír a xa criticable lei do 92 e que custou o cargo ao entón Ministro do Interior socialista.

A democracia é expresión e a seguridade cidadá protección de liberdades públicas, non cercenamento das mesmas. O delito se combate de forma integral, con educación, con promover unha vida digna, con eliminar as diferenzas sociais, con boas políticas de reinserción e cunhas institucións que traballen na prevención, non no  castigo.

Dende Esquerda Unida concluímos expondo que esta Lei, reiterativa en regular condutas que xa tipificaba o código penal e creadora dun novo Estado policial, controlador e limitador de liberdades públicas, é inadmisible nunha contorna europea democrática, que converte a este país nunha República bananera.

Relacionados