Nova central hidroeléctrica

Alternativa Galega de Esquerda ten coñecemento das sucesivas autorizacións que diferentes organismos dependentes da Xunta de Galicia, comezando pola propia consellaría de medio ambiente, están a conceder nestes últimos meses para o que semella a posta en marcha dunha nova central hidroeléctrica en Cecebre.

O encoro de Cecebre surte de auga potable á cidade de A Coruña e a aos concellos da comarca. Este encoro garda no caixón unha vella concesión, nunca feita realidade, dos anos 90, cando gobernaba a Xunta de Galicia o que fora ministro da ditadura franquista, Manuel Fraga. Concesión que tería que estar caducada de actuar a Xunta de Galicia de xeito dilixente e non ao servizo de intereses espúrios.

Compre sinalar que malia as declaracións pretéritas de membros do PP, con vinculacións empresariais co grupo empresarial Fergo, nas que se manifestaba que non se construiría, os dados que se acumulan desminten tales declaracións tal e como aseguran os deputados de AGE. Hai agora un ano, o concello de A Coruña asinou un convenio con Augas de Galicia pola cal o concello e a empresa municipal EMALCSA comprométense a “acordar a solución máis favorable para a coordinación e realización dos intereses dos titulares dos dereitos concesionais outorgados ao propio Concello e á sociedade Minicentrales Eléctricas de Galicia, S.L.”, así como a “desistir das reclamacións xudiciais ou extraxudiciais interpostas por moitvo das actuacións administrativas efectuadas en relación coa obra hidráulica da presa e encoro de Cecebre, segundo se recolle na cláusula quinta.

Ao innecesario trasvase anunciado por Augas de Galicia do lago artificial de Meirama cara a Cecebre que se acorda sen analizar o impacto que poida provocar, hai que engadir a solicitude e posterior autorización a unha empresa do grupo Fergo do permiso para tender o cableado á rede de Unión Fenosa, sen avaliar o impacto ambiental e malia a advertencia da dirección Xeral de conservación da natureza que lembrou que unha parte desa condución afecta a un espazo protexido pola Rede Natura.

O proxecto contempla a construción un túnel de 1,4 km e 3,5 metros de diámetro para conectar a balsa mineira co río Barcés, que desemboca no encoro de Cecebre, ou o que é o mesmo, conectar unha balsa mineira cunha zona LIC da Rede Natura. A maiores a xustificación pasa por reforzar as capacidades de subministro e para elo a Xunta opta por coller augar dunha balsa mineira, augas ácidas e pobres en osíxeno. Detrás dos pretextos asoma o negocio privado que move esta actuación: a construción dunha minicentral, malia as previsións do Plan Hidrolóxico que desbotaba novos aproveitamentos nas bacías Galicia-Costa.

 

Para a Xunta de Galicia semella prevalecer o descoido e o desleixo para avaliar a necesidade e o impacto desta hidroeléctrica que se quere construír ao carón doutra infraestrutura especialmente sensible, o encoro que abastece de auga á cidade de A Coruña e ao seu cinto urbano. O goberno galego deixa clara as súas preferencias centradas en dar negocio aos seus ‘amigos’ poñéndose ao servizo dun grupo empresarial con indisimulables vencellos con destacados membros do Partido Popular. Así, unha vez máis a maridaxe entre política e negocios golpeando o interese público como marca de fábrica das actuacións do Partido Popular de Bárcenas e Lapuerta torna a amezar a saúde pública da nosa cidadanía.

Relacionados