Novo ataque ao dereito á saúde

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2013.- A retirada de 30 accesorios do catálogo do Sergas é, segundo a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Eva Solla, un novo ataque ao dereito á saúde da cidadanía. O pasado un de maio a Consellaría de Sanidade anunciou a redución de medicamentos e accesorios sufragadas polos cartos públicos, amparándose en que o Estado deixaba de financialos. Esta tarde, na comisión parlamentaria 5ª, en resposta a preguntas da parlamentaria Eva Solla, a Xunta volveu empregar esa escusa para xustificar a continuación do labor de zapa que realiza o Goberno do señor Núñez sobre a sanidade pública.

“A que está a xogar a Consellaría de Sanidade coa xente”, preguntouse Solla, “por que existe algún estudo previo do impacto desta medida? Van compensar as rendas baixas?”. Todas as cuestión caeron en saco roto, porque o enviado do Sergas ao Parlamento parapetouse tras a decisión do Executivo de Rajoy, como se non fose o PP quen goberna en San Caetano e na Moncloa. “Á xente válelle de algo  que vostede recite a lexislación estatal?”, insistiu a deputada de AGE, “porque en realidade vostedes atacan os máis febles e logo aínda veñen ao Parlamento a dicir que defenden a vida”.

 

A medida aprobada polo Sergas implica que quedan fóra do catálogo accesorios como as cámaras de inhalación pediátrica –que custan uns 40 euros e que os pediatras dos centros de saúde públicos piden ás familias para poder reutilizalos-, os apósitos para traqueotomías ou as sondas vexigais de baixa fricción –que poden chegar a custar ao paciente 200 euros ao mes.

Relacionados