Novo Consello Comarcal

 

 

A nova dirección comarcal conta cun equipo de traballo escollido de xeito unánime na pasada asemblea comarcal, e se caracteriza pola súa xuventude, cohesión política e traballo en equipo, para deste xeito producir unha alternativa política e social acaída aos intereses da maioría social traballadora.

 

O novo Coordinador comarcal, o profesor Xosé María Dobarro  explicou o significado da fonda renovación nas responsabilidades de dirección, mediante unha aposta decidida pola xente nova e traballadora para desenvolver un proxecto político e social necesario para as xentes da  esquerda galega. “Somos  unha organización hoxendía necesaria como un dos xermolos da renovación da esquerda nacional galega”, sinalou o novo Coordinador.

 

A política de extensión organizativa vai ser un elemento estratéxico do traballo neste meses. Os bos resultados obtidos nas xerais, sumados a presenza institucional en varios concellos da comarca, van supor a base para estender a presenza de grupos de traballos organizados nas diversas localidades da comarca onde aínda non hai constituída unha asemblea local.

 

A outra liña de traballo de carácter estratéxico para a formación política de esquerdas e ecoloxista vai ser a de animar todas as accións e iniciativas unitarias a prol da converxencia social. Artellar espazos de encontro, colaboración e traballo compartidos dende a base para producir respostas unitarias e para producir alternativas concretas e radicais que defendan aos intereses da maioría social traballadora. Dende a elección de Cayo Lara como novo Coordinador Xeral, EU afrontou a chamada refundación, a  constitución dun novo suxeito político e social quen de aglutinar unha praxe social anticapitalista, republicana e federal, organizada como movemento político e social.

 

En particular, e diante dos dramáticos datos do desemprego (20.000 persoas na  nosa área porque se exclúen das listaxes de paro aos chamados “denos” os demandantes de emprego non ocupados,  persoas e se n paro que fan cursos, demandantes de emprego de xornada reducida, etc.), Paula Meizoso, nova responsable de organización reclamou o cese dunha política esgotada e criminal, a neoliberal, que somentes produce paro, privatizacións e miseria na sociedade. “Outra política económica é posible e a defensa dun naval público con carga de traballo, novos investimentos produtivos e que recupere a capacidade de construción civil pública en Navantia Fene constitúe un exemplo concreto desa outra política que abandeira EU, e que outorga unha centralidade aos intereses das clases traballadoras do país”  salientou o novo responsable comarcal de Esquerda Unida.

Relacionados