Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) preguntou, con escaso éxito, polos planes da Consellaría de Educación para o vindeiro curso no que respecta ao mapa escolar. A pregunta, realizada na comisión 4ª de Educación, non era excesivamente complexa. “Que centros ten pensado pechar a consellaría para o vindeiro curso?”, inquiriu o deputado de AGE Ramón Vázquez. Non obtivo resposta, máis alá dunha escusa, pronunciada polo secretario xeral do departamento de Educación, Jesús Oitavén, relativa ao peche de matrícula “a finais de xuño” como base para a planificación de centros da tempada 2013-2014.
Pero a preocupación de Alternativa é máis profunda. Para Vázquez, o problema de fondo é que o Goberno galego non realice unha planificación escolar específica para o medio rural. “E Galicia, se non desenvolve o rural, non ten futuro”, apuntou. O parlamentario de AGE afeou a Oitavén que non respondese ás preguntas concretas do seu grupo parlamentario e criticou as desculpas económicas. Porque mentres reduce unidades escolares e prazas nos colexios do rural, mantén o profesorado de Relixión a soldo do Estado ou subvenciona centros que segregan os seus alumnos por sexo e que violan os preceptos constitucionais que o PP tanto afirma defender.