O escoramento do acordo ás posicións do Goberno é lóxica. Dificilmente podían ser modificadas só pola vía do diálogo e sen un proceso de mobilizacións capaz de cambiar a correlación de forzas en favor dos sindicatos.
É certo que a situación de crise con 4,7 millóns de parados e o temor á perda do emprego non é o momento máis idóneo para a mobilización. Pero, sen ela, acadar un acordo positivo era misión imposible.E cando falo de mobilización non estou a falar só da folga xeral que para algúns parece un fin en si mesmo. Non, refírome a un proceso de mobilización sostido no tempo que debe partir da unidade de acción de todos os sindicatos que estean dacordo cos obxectivos reivindicativos.
Algo semellante ao que fixeron os sindicatos franceses: mobilizacións sectoriais en días distintos para cada sector, manifestacións periódicas, implicación dos mozos…., de forma que os seus planteamentos foron asumidos polo conxunto da sociedade e tiveron como consecuencia un illamento do goberno así como modificacións da lei no trámite parlamentario. Certo que os sindicatos non conseguiron o seu obxetivo pero acrecentaron o seu prestixio entre os traballadores e a sociedade e ninguén pode reprocharlles que non fixeran todo o posible para impedir a reforma do goberno. Estou convencido que cando acumulen novas forzas ou haxa un cambio de goberno intentarán de novo cambiar a lei. Están lexitimados.
Un proceso similar aquí houbera propiciado un acordo positivo para os traballadores? Non o sei, non quero especular sobre algo que non se deu. Si sei que, sen mobilización, o acordo acadado contradi os planteamentos de CC OO e UGT.
Dóeme dicilo pero penso que CC OO e UGT se equivocaron. Por primeira vez, un Goberno fixo unha reforma laboral que significa un retroceso sen parangón nos dereitos laborais sen que merecera un minuto de folga. De novo no tema das pensións, en vez de mobilizar para conseguir negociar con máis forza, optaron só pola vía da negociación e a consecuencia é un mal acordo que os fai cómplices dos recortes e só beneficia ao Goberno que está levando a cabo o maior retroceso nos dereitos laborais e sociais do período democrático. No medio queda un folga xeral –29-S– que tivo un seguimento importante malia que se fixo despois de aprobada a reforma laboral e coa única xustificación de secundar unha convocatoria da CES a nivel europeo. Hai ou non capacidade de mobilización?
Chegado a este punto que ninguén pense que é válida a descualificación global de CC OO e UGT. Erran quen o fagan. O sindicalismo de clase é o muro máis firme que lle queda aos traballadores para defenderse nunha sociedade capitalista cada vez máis desregulada e inxusta. CC OO e UGT, xunto cos demáis sindicatos de clase, son os instrumentos máis importantes na loita polos dereitos laborais e sociais e na loita pola igualdade, a solidariedade e a xustiza social.