O art.28.3 da lei de estradas

O DOG e BOE deste 5 de novembro publican o anuncio do trámite de inconstitucionalidade presentando polo goberno do Estado contra do art. 28.3 da Lei 8/2013 (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20131105/AnuncioG0244-221013-0002_gl.html), de estradas de Galiza que xa o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda advertiu en repetidas ocasións nos sucesivos debates parlamentarios presentando incluso unha emenda ao propio artigo que foi rexeitado pola maioría do PP.

Así, tal como defendía AGE, o goberno do Estado coincide en considerar que dito precepto legal (*) é anticonstitucional, por ser contrario á lexislación básica estatal en materia de expropiación forzosa, polo que procedeu a incoar o procedemento de declaración de inconstitucionalidade da norma.

O contido do art. 28.3 foi unha ocorrencia xuridicamente disparatada que só tiña como obxectivo o de reducir os custos de expropiación do solo urbanizado a pagar pola da Administración, pagando o solo como rural, sen incluír o seu valor urbanístico (que quedaría en mans do propietario). Tal previsión contradí manifestamente a normativa estatal na materia, non tendo competencia a Xunta para contradicir a lei estatal do solo.

Tal e como manifestou o deputado de AGE Antón Sánchez no trámite parlamentar, a lei galega infrinxe nese apartado os preceptos básicos estatais, xa que o texto refundido da lei estatal do só determina que o valor da expropiación das infraestruturas será o correspondente á súa situación fáctica (rural ou urbanizado), de xeito que a expropiación de terreos en situación de solo rural (aínda que se inclúan en sectores de solo urbanizable) deben ser valorados sen ter en conta dita clasificación urbanística; e, pola contra, se os terreos están urbanizados, a valoración dos mesmos debe incluír sempre o seu aproveitamento urbanístico.  Na lexislación estatal o solo expropiase co valor urbanístico que teña, non existindo a posibilidade de deixarllo ao propietario.

A finalidade da norma aprobada polo PP no Parlamento de Galicia era clara : rebaixar o valor da expropiación do solo urbanizado xa que a Administración pagaría só o valor dos terreos como solo rural mentres que o aproveitamento urbanístico quedaría en mans dos expropiados sen contar con amparo normativo algún.

(*) “Non obstante, a administración titular poderá expropiar unicamente o solo como en situación rural, e deixar o aproveitamento urbanístico, ou o dereito a el, en posesión da persoa expropiada sempre que esta o solicite, a administración titular o considere oportuno e sexa posible conforme a lexislación e o planeamento urbanístico”

Relacionados