O baleirado cultural do PP

O deputado parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda lamenta que para a dereita a cultura non sexa máis que un produto mercantilizado que debe competir e ofrecer rendibilidade económica.

Mantén que a barbarie á que nos queren levar é froito dunha única e exclusiva teima como é contentar a Don Mercado.

Santiago de Compostela, 17 xaneiro de 2013.- O deputado do Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, Xabier Ron, denunciou a operación de distracción empregada polos membros do goberno da Xunta a través da “grandilocuencia dos números, das porcentaxes e das cantidades” detrás da que se agocha “a realidade da estratexia, da ideoloxía destrutiva que é a que conduce a existencia destes números que busca o baleirado cultural” do noso país.

“Para a dereita a cultura non é investimento. É un produto mercantilizado que debe competir e ofrecer rendibilidade económica e por iso hoxe fenece baixo o golpe das súas gadoupas” explicou o deputado de AGE. O único obxetivo que persegue a “barbarie á que nos queren levar é froito dunha única e exclusiva teima como é contentar a Don Mercado”.

Mentres o PP teima en dicir que todo vai ben, os axentes sociais que dinamizan a cultura se queixan con amargura do incumprimento de promesas, da inacción do departamento de cultura. “A cultura de base, a cultura en xeral languidece e vese na obriga de facer exercicios malabares para cadrar menos recursos coas función que teñen asignadas e que desexan manter” sinalou Xabier Ron.

Desde Alternativa Galega de Esquerda aseguran que non se poden aceptar máis recortes xa que en sectores como o cultural, “dicir hoxe non a unha liña cultural significa perdela seguramente para sempre”.

Xabier Ron enumerou durante a súa intervención as situacións de carácter negativo que sacuden hoxe as artes escénicas galegas e que definen á situación xeral da cultura: o curtopracismo; a precariedade laboral; carencias graves nas estratexias de creación, difusión, comunicación e promoción; escasa democratización cultural; mercantilización; escasa normalización da educación artística; o abandono do carácter comunitario; a escasa dignificación por parte das administración públicas, o cal se entende visto o desexo de desentenderse da cultura e de avanzar nos procesos de desmantelamento do carácter público, comunitario e local dos espazos de creación-difusión.

O deputado de AGE apostou, ante o intento do PP de “impoñer como único hábitat a selva devoradora do capitalismo salvaxe da dereita”, por “derrubar as torres onde queren recluír á cultura os adoradores de Don Mercado e Dona Déficit. Quedar nesas torres será axudar ao PP no seu simuladro: isto é, gobernar a cultura galega sen crer nela”.

O deputado parlamentario Xabier Ron rematou a súa intervención insistinto no feito de que a cultura é un ben común e exisindo á Xunta de Galicia que cumpra coa súa obriga, como poder público, de garantir o acceso á cultura, ao desenvolvemento persoal e comunitario e de defender a nosa identidade cultural.

Relacionados