Santiago de Compostela, 24 de abril de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) proporá mañá en comisión parlamentaria a creación do Parque Natural do Courel. Farao a través do deputado David Fernández Calviño, para quen a serra oriental presenta “unha diversidade xeolóxica e biolóxica das máis importantes de Europa”. Ademais, engade na argumentación da proposición non de lei que defenderá mañá, “esta gran diversidade concéntrase nun pequeno territorio, polo que é necesario protexelo. E a súa protección conta con gran apoio entre os habitantes do lugar”.
AGE buscará o apoio dos demais grupos parlamentarios para instar á Xunta a realizar o plan de ordenación dos recursos naturais da Serra do Courel, da conca do río Lor e de áreas limítrofes no prazo dun ano, constituír o Parque Natural antes de que remate a lexislatura e confeccionar un plan de valoración económica da zona baseado na sustentabilidade ecolóxica e agraria.
Non é a única iniciativa de Alternativa referida á rede de parques naturais de Galicia. O parlamentario Fernández Calviño tamén presentou unha pregunta en que interroga ao Goberno galego pola parálise das xuntas consultivas das áreas protexidas. “Malia que a composición destas xuntas consultivas teñen unha abusiva presenza gobernamental”, argumenta Calviño, “constitúen a día de hoxe o único vieiro aberto para camiñar cara á transparencia e a participación cidadá na xestión dos espazos protexidos”. Moitos deses organismos levan anos sen ser convocados e así, “o espírito da lei de conservación da natureza fica en papel mollado”.