O concello como casa do goberno

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes lamenta que o goberno local denegase a petición unánime dos grupos da oposición para utilizar unha sala baleira do Concello para manter unha xuntanza co Comité de Empresa de Albada, obviando que a oposición tamén é corporación. Os criterios do bo goberno amosan con claridade o transcendental papel que xoga a oposición nun sistema democrático. De feito a esencia da democracia é a relación entre maioría e minoría, é dicir entre goberno e oposición. Aqueles gobernantes que no buscan o consenso político e non dotan das ferramentas necesarias á oposición para que esta exerza o seu papel, están a faltar ao principio de lealdade institucional e por tanto incumpren os criterios do bo goberno.

Esquerda Unida afirma que o goberno municipal utiliza o concello como si fose a súa casa amosando o seu nulo espírito democrático. Obvia que a oposición representa a un importante número de coruñeses e coruñesas e que ten dereito tanto á utilización de dependencias da casa do Concello independentemente de que ao goberno local non lle guste a temática que se trate nas devanditas dependencias.

O goberno municipal anuncia en prensa que quere que se resolva o conflito do lixo, mais non so non media para solucionalo, senón que pon trabas ao resto de membros da corporación que intentan evitar que a cidadanía teña que sufrir unha folga promovida pola concesionaria co silencio cómplice do PP.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o argumento esgrimido polo voceiro do goberno non so é pobre senón que é falso. O concello non é cliente do servizo de limpeza senón prestador do mesmo á veciñanza, polo que non ten sentido esgrimir que un cliente non pode mediar nun conflito”.

 

César Santiso salientou “semella vergoñento que o PP pretenda esquivar a súa responsabilidade con argumentos falaces que insultan á intelixencia dos coruñeses e coruñesas. Si realmente o goberno local cumprise coa súa misión de defender os intereses da cidadanía se preocuparía de velar polo correcto cumprimento do contrato en lugar de mirar cara outro lado diante dos paupérrimos niveles de reciclaxe da planta de Nostián e descontar os días de folga do recibo do lixo dos coruñeses e coruñesas, así como non pagar o canón a concesionaria neses días por ter niveles de reciclaxe de tan só o 5%”.

Relacionados