Fai catro anos comezou o estoupido da burbulla inmobiliaria e financeira que está a levar á ruína económica provocada por un grupo de capitalistas de salón con estreitas conexións cos partidos maioritarios PP e PSOE. Así co beneplácito das administracións, central e autonómica, estes poderosos especuladores dedicáronse a captar financiamento a baixo xuro procedente dos países do norte de Europa para investir en negocios inmobiliarios, así comezou o desmantelamento do comercio coruñés, pois os distintos gobernos PSOE, para favorecer aos especuladores, favoreceron a proliferación de grandes superficies comerciais, até o punto de que Coruña é unha das cidades con maior densidade de este tipo de negocios. Esta situación provocou o asentamento de grandes cadeas internacionais de tendas que exercen unha competencia desleal sobre o noso tradicional comercio, aquel que sempre caracterizou a nosa cidade, provocando o seu paulatino peche.
A devandita situación, da que é culpábel o PSOE, ten un efecto demoledor sobre a nosa economía local pois estas empresas externas actúan de chupón dos nosos aforros, é dicir, recollen os cartos dos coruñeses e coruñesas cando estes fan as súas compras pero non o reverten na nosa cidade, senón que escapa cara os seus centros de decisión fora de Galiza e en moitas ocasión fora do Estado. Xusto o contrario que acontece co pequeno comercio que ao reverter as ganancias na cidade actúan como un estimulante da economía local.
Por si isto fora pouco o goberno central do PP ven de aplicar unhas medidas que provocarán unha forte recesión económica, levando a ruína ao país e xerando desemprego. Así as ditas medidas teñen o consentimento e o aplauso do goberno local quen votou expresamente en contra dunha moción presentada por EU-V para solicitar a retirada destas demoledoras medidas.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a dramática situación do pequeno comercio coruñés ten dous culpábeis claros o PSOE que fomentou a proliferación de grandes superficies cedendo ás presións dos especuladores e o PP que con a suba do IVE e a retirada da paga extra dos empregados públicos, condena a ruína ao comercio, parte vital do tecido produtivo coruñés”.
Pero como todos sabemos, ó único no que discrepan PSOE e PP son en detalles de índole moral relacionadas cos dereitos sexuais da cidadanía ou as políticas relacionadas co uso das linguas cooficiais nas distintas autonomías, xa que as medidas que toman para saír da crise cando ocupan o goberno central son idénticas: desregulación laboral, empobrecemento da clase traballadora e dos parados, recortes nos servicios públicos. Evitando, en todo caso, evitando molestar aos grandes empresarios, os especuladores ou os rendistas non perseguindo o fraude fiscal, a economía mergullada.
Diante da grave situación o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe ao goberno municipal que avalíe o impacto que producen sobre o comercio coruñés as medidas de recorte impostas polo goberno central do PP. Porque subir o IVE e retirar a paga do Nadal dos empregados e empregadas públicas retrotaerá o consumo o que terá un efecto demoledor sobre o comercio en particular e sobre a economía e xeral, ao retraer o consumo, o que de facto supón o fin de multitude de pequenos e perda de centos de postos de traballo na nosa cidade e miles no conxunto do Estado.
Esquerda Unida propón que o concello desenvolva un plan de axuda do pequeno comercio baseado na dinamización da vida de barrio unha vez que se dispoñan dos datos, para poder desenvolver unha actuación eficaz.






