Un creto extraordinario e as oportunas consignacións nos vindeiros orzamentos do Estado e da Xunta son os elos necesarios para conquerir un investimento produtivo fundamental para gañar peso e encargos na área de carenas. Non caben máis dilacións e urxe a reunión do comité de estudo para concretar o compromiso real do PP coa plantilla, co naval público, coa nosa comarca en suma.
Toda nova carga de traballo é positiva e como tal saudamos a que hoxe anunciou a Xunta. Agora ben, semella evidente o carácter abertamente electoral do contrato asinado hoxe e que busca contrapesar no curto prazo o desleixo e abandono con que os gobernos da Xunta e do Estado – nas poutas do PP – se conducen co naval público da nosa ría. As horas de traballo anunciadas pola Xunta non coinciden coas estimacións do comité o que pon de manifesto a urxencia electoral que preside este anuncio, logo de case dous anosa de mobilizacións da plantilla e da cidadanía que non recibiron contestación positiva alguna dun PP que non cre no naval público.
A elaboración do plan industrial e o reforzamento do perfil político de aquelas xestións encamiñadas a conquerir novos encargos de traballo son elementos decisivos para avaliar o compromiso dos gobernos coas necesidades que expresan as loitas e mobilizacións do naval. Hai que pasar das palabras aos feitos e estas medidas serían un bo exemplo da rectificación do PP neste eido.
Esquerda Unida vai apoiar cantas accións de mobilización leven adiante as traballadoras e traballadores para arrincar un futuro de traballo e benestar para a nosa cidadanía. No Congreso, no Hórreo e nas rúas imos seguir a ser belixerantes a prol do futuro desta comarca, porvir vencellado a unha cousa que sabemos facer de xeito excelente: barcos.