O Goberno de Marrocos expulsa á delegación do intergrupo Paz co Sáhara de El Aiiun

O grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denunciou publicamente o comportamento antidemocrático amosado polo Goberno de Marrocos que expulsou este mediodia á delegación do intergrupo Paz co Sáhara do Parlamento de Galicia que viaxou a El Aiiun coa intención de realizar unha nova visita de observación. A delegación galega foi expulsada de El Aaiun sen tan sequera deixar que baixaran do avión e simulando unha farsa con representantes promarroquís da cidade que subiron ao avión para anunciar que non lles deixarían baixar do mesmo. O deputado de AGE, Xabier Ron, e o resto de integrantes do intergrupo, Montse Prado (BNG), Consuelo Martínez (Grupo Mixto), Noela Blanco (PSdeG) e Gonzalo Trénor (PP), xunto cos representantes da SOGAPS, Enrique Porto e Maite Isla, coincidiron en denunciar a actitude antidemocrática amosada polo goberno de Marrocos coa que están a atentar non só contra os Dereitos do Pobo Saharaui senón contra os representantes electos do pobo galego.


A delegación do intergrupo do Parlamento de Galicia Paz co Sáhara desprazouse a El Aaiun coa intención de comprobar de primeira man a situación que está a vivir a poboación.  Hai dous anos o intergruporealizara xa unha visita na que puido comprobar a violación sistemática dos dereitos humanos co obxectivo de facer calar aos movementos de resistencia. Unha denuncia que quedou recollida nas conclusións da misión de observación levada a cabo do 27 de febreiro ao 3 de marzo de 2014. No documento os integrantes do intergrupo puxeron de manifesto o constante seguimento e vixilancia á que foi sometida a delegación galega que chegaron a cualificar como asfixiante. A situación que se atoparon foi dun pobo sometido e unha violación continuada á liberdade de expresión e manifestación que provocaba un clima de intimidación permanente. O resultado desta nova visita confirma a actitude antidemocrática do Goberno de Marrocos impedindo xa a entrada da delegación galega no territorio.

Relacionados