O Goberno segue a incumprir coa súa obriga de protexer o dereito á vivenda

É por isto que dende IU, ICV-EUiA, CHA: Izquierda Plural levamos ante o Congreso unha moción para instar ao Goberno a reformar a Lei de Enjuiciamiento Civil para que os xuíces poidan evaluar caso por caso a situación das familias antes de autorizar o desafiuzamento, garantir recursos xurídicos para que os afectados poidan defenderse en igualdade de condicións, crear un mecanismo legal de supervisión das negociacións ou ampliar os requisitos do Código de Boas Prácticas.

O recente informe de Amnistía Internacional (AI) reforza a idea dunha falta de cumprimento por parte do Estado español dos compromisos coa cidadanía, non xa só dos constitucionais, senón dos recoñecidos en todos os tratados internacionais.

Dende Esquerda Unida levamos anos traballando para que o dereito a unha vivenda digna sexa unha realidade, máis que un mero desexo recollido na Constitución Española. Fronte os asuntos relacionados con Vivenda, as competencias están repartidas entre o Estado e as comunidades autónomas.

Para Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida, “no caso de Galicia, os pésimos resultados electorais ben explican que o goberno de Núñez apenas  fixo nada para erradicar a lacra dos desafiuzamentos ou garantir o dereito a unha vivenda”, explica.

Neste senso, a Xunta recoñeceu publicamente que a través do programa Reconduce e co protocolo de actuación asinado coa FEGAMP e o CXPX evitáronse 108 desafiuzamentos. Esta cifra é elocuente da febleza do compromiso da Xunta neste aspecto, tendo en conta a totalidade de procesos sufridos no noso país ao longo da crise, que cos datos da estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial sinalan que entre 2008-14 producíronse máis de once mil lanzamentos (unha taxa de cobertura do 0,9%).

É por isto que dende AGE levara ao Parlamento esta cuestión, así como diferentes preguntas, tales como que valoración realiza a Xunta da taxa de cobertura da súa acción pública para garantir unha vivenda ás persoas e familias desafiuzadas respecto aos lanzamentos acaecidos en Galicia, cantas vivendas do denominado Fondo Social de vivenda, do goberno central, entregáronse no noso país dende a súa posta en funcionamento e cantas desas vivendas non están entregadas en Galicia ou en que prazo terá a Xunta o cento de vivendas baleiras que Abanca vai ceder ao Goberno galego.

O estourido da burbulla inmobiliaria, xunto coas decisións austericidas, fixo que milleiros de persoas se visen acurraladas polas entidades bancarias e perderan o fogar, un resultado das políticas neoliberais do PP que van máis encamiñadas a salvagardar ás institucións financeiras que á propia cidadanía.

 

Relacionados