O Grupo Parlamentario Confederal de Unidos Podemos-En Marea-En Comú Podem e o Goberno veñen de lograr un acordo que permite avanzar a prol das políticas sociais para a maioría. Entre os avances deste acordo orzamentario para 2019, destaca a maior subida do salario mínimo de toda a democracia, así como a reversión dos recortes máis fortes en materia de dereitos laborais impostos polo PP. Aínda que quede moito camiño por percorrer, este acordo orzamentario é un paso moi importante en materia de dereitos sociais.
Aquí resumimos as medidas principais:
-Subida do salario mínimo a 900 euros, o que supón unha subida de máis do 22% respecto ao actual.
-Revalorización das pensións co IPC e a mellora das de menor importe e das non contributivas nun 3%.
-Avances na eliminación de privilexios fiscais ás grandes empresas e ás rendas máis altas.
-Aumento de becas e melloras na súa tramitación.
-Incremento dos permisos de paternidade e de maternidade.
-Defender o dereito á vivenda.
-Medidas de hixiene democrática para avanzar na derrogación da criminalización da protesta social e a Lei Mordaza.
-Recuperación do subsidio desemprego para maiores de 52 anos.
-Reforma do sistema de cotización para traballadoras e traballadoras autónomos.
-Dignificar a situación das persoas con dependencia.
-Regulación das apostas e xogos de azar.
Na rolda de prensa de presentación, a deputada de En Marea, Yolanda Díaz, incidiu en que “o incremento do salario mínimo provocará un importante paso e supón un cambio brutal para os traballadores fóra de convenio. É un dos maiores avances en dereitos laborais dos últimos anos”. “En materia de pensións, é urxente revalorizar as pensións ao IPC real por Lei. Ademais propoñemos subir as pensións mínimas para garantir un futuro digno para todas e todos”, explicou Díaz.
Dende Esquerda Unida seguiremos traballando para mellorar as condicións de vida da clase traballadora. Así mesmo, é necesario o apoio do pobo nas rúas e nas urnas para fortalecer a nosa presenza nas institucións e así reverter con maior determinación as políticas neoliberais.
Dende aquí podedes consultar o texto completo do acordo orzamentario entre o Grupo Confederal Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea e o Goberno:
Acordo sobre os Orzamentos Xerais do Estado de 2019
Podes ver a intervención de Yolanda Díaz en: