Esquerda Unida aposta porque os 11,5 millóns de investimento para que A Coruña sexa cidade intelixente sexan a semente de cambio do modelo produtivo local. Non en vano os 8 millóns achegados pola Unión Europea e os 3,5 millóns de euros do Concello, constitúen arredor do 5% dos orzamentos municipais. Unha cantidade que o Concello debe utilizar eficientemente para potenciar o I+D+i coruñés a través de convenios de colaboración coa Universidade, que permitan coordinar e promocionar o clúster local das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC).
Así, a través do coñecemento, avanzaremos cara un modelo produtivo máis sustentábel e menos dependente do petróleo que permita ao tecido produtivo coruñés incrementar a súa competitivdade, factor fundamental para que as nosas empresas poidan afrontar con esperanzas a dura etapa económica que estamos a vivir e que aínda non descubrimos na súa faceta máis dura.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “estamos diante dunha oportunidade única, en tempos de crise e carencias esta inxección de capital pode significar a reactivación económica local para o sector do I+D+i e as tecnoloxías da información si o Concello fai un uso eficiente e racional destes fondos”.
César Santiso, declarou que “o Goberno municipal non pode faiar e debe xestionar con intelixencia e habilidade este proceso, os coruñeses e coruñesas non perdoaríamos que se desaproveite esta oportunida, porque as oportunidades so se presentan unha vez na vida”. Por iso advertiu que o seu grupo municipal estará vixiante diante deste investimentos, controlando e fiscalizando tano a correcta utilización destes fondos como a coherencia, oportunidade e rendibilidade dos proxectos incorporados.
Aproveitando estes novos investimentos, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes demanda ao Goberno municipal que aproveite o investimento en administración electrónica para desenvolver un Plan de Reorganización da Administración Coruñesa (PRAC), recordando que o Concello con máis dun milleiro de traballadores no seu cadro de persoal, convertese nunha das principais “empresas” da cidade e que si se incrementa a súa eficiencia, poderase mellorar e incrementar sen custo os servizos a cidadanía. Así ademais de mellorar a calidade de vida da veciñanza, poderase asumir directamente a xestión pública dalgúns servizos externalizados, porque como estamos a observar ás concesionarias privadas de servizos municipais, son fonte de problemas e un malgasto para as arcas municipais, pois en moitos casos desenvolven servizos de menor calidade do que o Concello está a pagar por eles.