O modelo fallido de privatización de Feijóo pon en risco a nosa saúde

A situación na que se atopan as residencias de persoas maiores é insoportable. A denuncia continua do funcionamento e da falta de medios tanto humanos como materiais sitúa ao colectivo dos nosos maiores no maior foco de deixadez por parte da administración pública.

Ante esta situación de abandono, Feijóo vén de anunciar a intervención pública das residencias de maiores privadas, anuncio que chega moi tarde e que agardamos sexa efectivo de inmediato para dotar de medios humanos e materiais (EPI´s e test de contaxio) ás persoas residentes e traballadoras.

Así mesmo as propias traballadoras destas residencias teñen denunciado publicamente a necesidade de medios, porque pese a seren un foco de infección, non se están tomando medidas ao respecto, e mentres, os contaxios continúan sen ningún tipo de freo.

En concreto a situación da residencia do grupo empresarial DOMUSVI, quen xestiona máis de 30 residencias de maiores en Galicia, a de Cangas conta con máis dun centenar de persoas infectadas e que previsiblemente continúe engrosando o número debido á falta de medios materiais e tamén humanos.

As traballadoras deste grupo empresarial, DOMUSVI, xa teñen trasladado as súas queixas ao Parlamento de Galicia no que cuestións laborais se refire, non se manteñen as ratio por residente o que provoca unha consecuente sobrecarga de traballo. Obviamente esta situación laboral o que implica é un deterioro importante na atención asistencial dos residentes que é directamente proporcional ao beneficio que a empresa recibe en función do empeoramento das condicións de residentes e traballadoras.

A pesares destas denuncias, o incremento da tendencia privatizadora deste tipo de residencias é un feito, actualmente máis do 65% das prazas ofertadas en residencias de maiores, son privadas.

Dende Esquerda Unida sumámanos as demandas dos traballadores das residencias de maiores, e esiximos á Xunta de Galicia que poña solución a esta situación e dote de material de protección e medios humanos para frear esta sangría.

 

Relacionados