O naval en destrución

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2013.- A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Yolanda Díaz acusou ao señor Núñez da “enorme estafa electoral dos floteis de Pemex” na sesión de control do Parlamento de Galicia, esta mañá. Para Díaz, a inacción na política industrial é un dos riscos que mellor definen os cinco anos de Goberno Feijóo: tanto que o PP asistiu impasíbel á destrución masiva de emprego, 55.500 dende que entrou en San Caetano. “O proceso de destrución masiva de emprego industrial liderouno vostede a forza de mentiras”, expuxo a viceportavoz de Alternativa, “entre elas a grande estafa electoral dos floteis de Pemex. Vostede non ten lexitimidade”.

Yolanda Díaz repasou todas as promesas incumpridas da dereita encarnada polo señor Núñez. Anuncios sen nada detrás –en xuño, a adxudicación de dous quimiqueiros; en outubro de 2012 o comezo da construción dos floteis-, propaganda barata e declaracións logo demostradamente falsas. Feijóo, no seu habitual exercicio de escapismo, non respondeu ao que se lle preguntaba. A presidencia do Parlamento non o chamou á cuestión. “Vostede perde o tempo”, concluíu Díaz na réplica, “mentiu e minte. Un proceso de adxudicación pública [como o que en realidade abriu Pemex para a construción dos floteis] non é un contrato asinado”.

Díaz exemplificou a desfeita industrial dos anos Feijóo cunha listaxe parcial das compañías liquidadas en Ferrolterra. Esixiulle ao presunto –debido á súa inacción e á súa irrefreábel tendencia a fuxir dos problemas- presidente da Xunta que explique por que engana á cidadanía e rematou preguntándolle se vai condenar á fame á comarca de Ferrolterra.

Relacionados