O negocio do lume

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2013.- O discurso do señor Núñez sobre os lumes que este ano arrasan o país é ridículo, manipulador e acientífico. Por iso a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, preguntou hoxe na sesión de control parlamentario ao presidente da Xunta se tiña pensado “facer algo cos lumes aparte de negocios coa empresa privada?”. Envolto nun bucle retórico absurdo e que todos os estudosos e expertos sobre a problemática negan, Núñez só foi quen de responder co retrouso barato de “Galicia arde porque hai incendiarios”. Aos datos ofrecidos por Diaz, entre outros que o país posúe o 7.7% da masa forestal do Estado español e sofre un 45% dos incendios, non respondeu. Como é costume.

Pero é que, salientou Díaz, o número de lumes triplicouse dende que o Goberno do PP decidiu privatizar os servizos de emerxencia. “O 5 de setembro de 2006”, lembrou a viceportavoz de Alternativa, “vostede díxolle ao presidente Touriño ‘unha vez controlado o lume, é a hora de falar de política. Efectivamente, agora que vostede quere despolitizalo todo, falemos de política”. Política é vender a mans privadas as emerxencias, política é non ter un mando único, política é reducir as brigadas de extinción, política non ter unha política forestal. “Levan vostedes 27 anos no Goberno deste país e o rural está abandonado”, denunciou.

Co boicot constante dende as bancadas do PP, que a interromperon con apupos e insultos sen que a presidenta do Parlamento actuase, Yolanda Díaz rematou instando ao señor Núñez a facer algo aparte de negocio cun problema que, cada ano, arrasa os montes galegos.

Relacionados