O non discurso de Rajoy

Santiago de Compostela, 20 febrerio de 2013.- O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda lamenta o discurso “inhumano e insensible cos problemas da xente do común” centrado en salientar os beneficios dos recortes destinados a garantir a débeda pública e o déficit. Un discurso garantista cos mercados pero que reduce a cinzas os dereitos económicos e sociais da maioría dos cidadáns.

Os deputados de AGE consideran inaceptábel que o presidente do goberno do Estado esqueza os seis millóns de desempregados, os milleiros de familias sen protección social, o drama dos desafiuzamentos, os conflitos que se se están a dar a diario na rúa co obxectivo de paralizar a privatización dos servizos públicos (sanidade, educación, xustiza, a promoción da autonomía persoa a través dos servizos da lei de dependencia…). O presidente Mariano Rajoy non tivo palabras tampouco no seu discurso para todos eses aforradores que son prisioneiros dos corralitos da banca, que hai que lembrar, foi rescatada con cartos públicos.

No relativo á corrupción, desde Alternativa Galega de Esquerda valoran as iniciativas presentadas polo presidente do Estado pero consideran que no momento actual compracerse da transparencia e limitarse a dicir que se vai a avanzar neste tema non é suficiente. A corrupción non é outra cousa que o roubo sistemático de todos os cidadáns e contrariamente do que afirmou Mariano Rajoy, non se trata dun “problema de autoestima e imaxe” senón un problema estructural, un grave problema de democracia que tanto no Estado como en Galiza mancha especialmente o Partido Popular polo que os deputados de Alternativa Galega de Esquerda consideran imprescindible que o máximo responsable do partido e presidente do Estado, Mariano Rajoy, asuma a súa responsabilidade.

 

Relacionados