O noso orgullo non se vende

Chega o noso día, o día das lesbianas, gais, transexuais, bisexuais, intersexuais e persoas queer. O 28 de xuño é o unha xornada pola  loita das nosas vidas, visibilizámonos e berramos que non imos parar até acadar a igualdade, o que nos pertence por dereito.

Así é como nestes días imos falar da antiga “Lei pola visibilidade e non discriminación de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais en Galicia”, agora modificada e reducida á súa mínima expresión, grazas ás aportacións e enmendas do Partido Popular coa súa maioría absoluta. Vendéusenos como éxito o que era unha campaña publicitaria.  Queren facer que baixemos a garda porque comezan a ternos medo, teñen medo a que o activismo LGTBI se reactive, algo que pouco a pouco estamos a conseguir, e por iso quérennos calar, facéndonos crer que estamos protexidas e que hai un goberno que nos escoita, cando non é así.

Erraron, pois non se deron conta que esta falsa lei era a gota que faltaba para encher o vaso. Queriamos unha Lei que defendera os intereses e contara coas aportacións do colectivo LGTBI galego no que podería ter sido unha Lei vangarda no Estado, e acabamos cun sucedáneo chamado “Lei pola igualdade de trato (…)” da que só se abstivo AGE de votar a favor por considerala baleira de contido.

Desta vez non só xogaron con nós facéndonos crer que todo o que reluce é ouro, senón que nos usaron, como se fósemos obxectos, para beneficio propio. Abandéiranse con esta lei pantasma, creando unha imaxe de “progresismo” que se alonxa moito da realidade.

Por todo isto, dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) erguémonos para dicir que estamos fartas. Fartas de que se patoloxice a nosa identidade sexual, fartas de que por ser muller LGTBI non teñamos dereito á maternidade, fartas da LGTBIfobia nos institutos e, sobre todo, fartas de que sigan xogando con nós e non se tomen medidas reais, de que non se escoiten as nosas reivindicacións, de seguir a estar invisibilizadas e de que só interesemos para sacar unha foto para os medios de comunicación e así facer propaganda barata.

 

Agora, máis que nunca, seguimos loitando por unhas políticas que de verdade defendan os nosos dereitos e intereses, porque o noso Orgullo non se vende.

Relacionados