O paro de xaneiro confirma un empeoramento do mercado laboral no noso país que xa delataba a EPA

O Ministerio de Emprego fixo públicos esta mañá os datos de desemprego e afiliación á Seguridade Social. Galicia perdeu no pasado mes uns 13.000 empregos en decembro, segundo a Seguridade Social, un dato que contrasta, ademais, co número de persoas inscritas no SEPE (antigo INEM), que ronda as 6.000, o que quere dicir que moitas persoas xa non se inscriben e prefiren, por exemplo, emigrar, como as mozas e mozos. Por desgraza, nos últimos anos, o incremento do paro é unha constante, así como o resultado dunhas políticas neoliberais que parecen perseguir a destrución de emprego de calidade.

Mentres o Goberno segue con lemas triunfalistas, aínda é imposible ocultar que o paro rexistrado nos últimos meses deixa en evidencia o empeoramento da situación, ratificado por unha última Enquisa de Poboación Activa (EPA) nada positiva. Máis de 1,5 millóns de fogares no estado español, uns 25.000 en Galicia, carecen de calquera tipo de ingreso, máis de 4 millóns de persoas están desempregadas, 212.078 en Galicia (fronte ás 205.914 persoas no pasado mes de xaneiro).

O mercado laboral galego segue a manifestar a súa problemática de fondo: a creación de novos empregos é moi irregular e traballar non é sinónimo de vivir dignamente ou de tan sequera chegar a fin de mes. Unha causa deste fenómeno é que o emprego que se crea nin é estable nin está ben pagado.

Relacionados